Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CARLOS GENDE, 'BEATBOXER' DE CERCEDA

O Himno tamén vai a ritmo de beatbox

Seguro que Pascual Veiga nunca imaxinou que a súa melodía podía soar deste xeito. Falamos co autor da heterodoxa interpretación que gañou un premio do Concello de Vigo.

M. del Río - 10:00 22/10/2008
Carlos Gende

Carlos Gende

Carlos Gende é de Cerceda, ten 23 anos e é estudante de Telecomunicacións na Universidade de Vigo. Até aquí, nada especialmente sorprendente. Pero o que ten de particular é que gañou o concurso 3, 2, 1... click da Concellaría de Xuventude de Vigo cunha intepretación do Himno mediante beatbox, unha técnica actualmente vencellada ao hip-hop e que se caracteriza por realizar todo o acompañamento instrumental coa propia voz.

Como che chegou a afección ao beatbox e ao hip-hop? Xa che vén de cativo?

A min xa me gustaba o hip-hop, como a todo rapaz, cando esa música apareceu aquí. Comezaron grupos como Dios ke te crew e Malandrómeda. Empecei a escoitar esa xente e atraeume todo ese mundo. O do beatbox comezou hai cinco anos, cando vin a Vigo. Vin en internet o vídeo dun tipo facendo beatbox e comprobei que me saía tamén a min. Foi algo que fixen de xeito autodidacta.

Foiche difícil de dominar?

Aínda estou aprendendo. Non é algo que se chegue a dominar de vez. O que conseguín rapidamente foi imitar os scratches, pero continuamente sigo a aprender. Co tempo vaise avanzando.

Cales son as túas influencias?


Collo un pouco de xente como Dios ke te crew, Malandrómeda... e calquera música en galego, que é a que máis me atrae, máis ca a doutros lugares. É algo que temos propio. Tamén o reggae, nese caso de todo o mundo. E o beatbox que practica xente de Inglaterra, principalmente. Tampouco me poño a escoitar beatbox expresamente, pois non hai cedés dedicados exclusivamente a este estilo. Hai cancións soltas...

Colaboras con outros grupos?

Si, colaborei con Machina e tamén con Dios ke te crew. No circuíto A Cultura Circula coincidimos a facer beatbox. Pero con quen me levo máis é con Machina, que son de Cerceda. Acompañeinos coas miñas intervencións, normalmente ao final dos concertos. Na Sala The Star de Carral, tamén actuei unha vez cando lle rompeu unha corda ao guitarrista.

É Cerceda unha terra con afección polo hip-hop?

En Cerceda, que eu saiba, non hai afección ao hip-hop. Hai o que fago na miña casa, co meu micro.

E tes pensado gravar algún disco?

Xa levamos un tempo coa idea de facer unha maqueta, coa colaboración do meu curmán, que é de Machina, e que tamén rapea. Pero é complicado levala a cabo. Agora mesmo el está de Erasmus... e aínda non está claro cando. Temos as bases, pero aínda non están andadas.

Tes previsto facer outra versión, ademais da do Himno?

O que ten chiste do beatbox é imitar unha canción que exista e reproducir o seu son, pero agora mesmo non teño nada en mente. O que xorde, collo e grávoo. É a facilidade de ter o material na casa, aínda que hoxe en día case todo o mundo ten un ordenador.

Esta foi a versión do Himno coa que gañou o concurso:


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: