Entre as gorentosas oportunidades de negocio daquel país, destaca o da construción. Empresarios galegos do sector aspiran a rabuñar cota de mercado.
Fadesa ou o Grupo San José foron exemplo dos grandes actores do sector da construción galego que no seu momento decidiron poñer o pé no mercado mexicano. México, xunto con Arxentina, aparecen como os obxectivos máis cobizados polo sector no Estado español á hora de decidírense a saltar o Atlántico na procura de novos horizontes de negocio. No que lle toca ao grupo San José por exemplo, a empresa conta aló cunha das súas catro divisións principais en Latinoamérica, ademais de Brasil, Arxentina e Uruguai (e unha división menor con negocios de importancia en Perú).
No caso de Fadesa, apenas uns meses antes de mudar de mans e aínda baixo a pilotaxe do coruñés Manuel Jove, a empresa achegaba un ambicioso proxecto turístico e residencial en plena costa do Pacífico. A media hora da localidade de Puerto Vallarta, Fadesa metía o pé en terra mexicana nunha zona presentada pola empresa como área de "enorme proxección turística". Unha iniciativa con importante valor estratéxico onde se ben Fadesa accedía ao desenvolvemento dun pequeno número de predios respecto do proxecto global, implicaba a entrada nun área designada preferente polo goberno mexicano. Fadesa entraba así con 260 millóns de euros para gastar e a vontade de investir até 3.800 millóns en dez anos en México.
Así, o obxectivo fixado para a zona no horizonte de 2025 supoñía un novo nicho turístico na costa do país, contando co apoio directo do propio Fondo Nacional de Promoción do Turismo do goberno de México. Xa daquela, Fadesa anunciaba este proxecto como o primeiro chanzo da "andadura" do xigante da construción en México, sinalando a existencia doutras iniciativas en fase de estudo. Así, alén deste pioneiro proxecto 'Litibú', en Nayarit, Fadesa abriu negocio en San Miguel de Allende (Guanajuato), Loreto (Baixa California Sur) e Guadalajara (Jalisco). Este último, un investimento por riba dos 38 millóns de euros para a construción de 250 lofts cuxa entrega estaba prevista para finais de 2009.
Crecente negocio inmobiliario
A tendencia a explotar o sector inmobiliario mexicano conta ademais co aval das grandes entidades financeiras. Así, e mentres a burbulla do sector estoupaba e freaba o negocio no contorno do Estado español, entidades poderosas como o BBVA ou o Santander sorprendían con flexíbeis facilidades financiadoras no contorno mexicano, que segundo estudos en datas recentes chegaba a concentrar até case as tres cuartas partes do mercado no conxunto de Latinoamérica.
Á espera de que a presión do mercado ralentice o acelerado crecemento dos últimos anos, México aparece aínda como un atractivo escenario para os investidores do sector da construción e a promoción europeos. Logo do desembarco dos máis grandes a golpe de talonario, a delegación galega que chega esta semana ao país pretende furar mercado complementario nun ámbito de cifras menos espectaculares pero cantidades sostíbeis no tempo. As áreas costeiras e a segunda residencia manteñen vivo e rendíbel un mercado sostido nos últimos tempos non só pola clase máis privilexiada do país americano, senón polos investidores estadounidenses, que segundo un estudo da Asociación Mexicana de Desenvolvedores Turísticos inviste unha media de 150 mil euros á hora de buscar vivenda de luxo a pé de praia na costa mexicana.
"Semana de Galicia en México"
Fronte a este escenario, o sector da construción e neste caso as empresas de menor dimensión, aparecen representadas significativamente na expedición galega que esta semana chega a México. O ámbito a furar está na construción de vivendas, hoteis e centros comerciais, e tamén no que lle toca a infraestruturas viarias. así como no fornecemento de materiais diversos para o sector.
Un cento de empresas desprazouse ao país americano na procura de exploración, contactos, intercambio e apertura do mercado mexicano para Galiza. A iniciativa, impulsada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en colaboración coa secretaría de Exteriores, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as cámaras de comercio, esforzarase en crear un contexto favorábel para a cooperación empresarial galego-mexicana.
A misión comercial inclúe sesións técnicas concretas nos sectores da consultoría e formación, alimentación e bebidas, artes gráficas para o sector editorial, materiais de construción, téxtil e confección e enerxías renovábeis. Desde a CEG destacan o potencial de negocio que Galiza pode sachar naquel país, subliñando o incremento de até un 21% no investimento exterior, un total de 23.230 millóns de dólares, que experimentou México no último ano. Destacan ademais o factor estratéxico que abrir mercado en México implica como plataforma de acceso a Estados Unidos e a outros países veciños.