Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aprobaranse no pleno do 16 de decembro

Os orzamentos para o ano que vén: 1.185 euros de investimento por habitante

O proxecto chegou este luns ao Parlamento. PSdeG e BNG avalían que cumpre coas prioridades do Goberno. O PPdeG considera que traerán máis paro e débeda.

Redacción - 09:00 21/10/2008

Un total de 3.287 millóns de euros, un 4% máis que no presente exercicio, destinarase a investimentos, un chisco por riba da cuarta parte dos orzamentos totais, acadando así neste apartado arredor de 1.185 euros por habitante. O conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, destacou que a porcentaxe deste gasto representa o 5,6% do PIB e que, sumados os 2.020 millóns de euros estimados desde os Orzamentos Xerais do Estado, será un total de 5.307 millóns de euros, o que supón o 9% do PIB e 1.914 euros por habitante.


Fernández Antonio aclarou que o gasto non financeiro total será de 11.426 millóns, cun crecemento do 4,2%, e defendeu o recurso á débeda, de 598 millóns de euros para 2009, o 1% do PIB, nun momento de crise económica e no marco de o lei de estabilidade presupostaria. Explicou ao fío que o ratio de débeda de Galiza sobre o seu PIB é do 7,2%, "unha décima menos ca en 2005", despois de pechar 2007 cun superávit de 100 millóns. Unha evolución que segundo o conselleiro se sitúa dentro do compromiso de estabilidade orzamentaria ao longo do ciclo económico.

Subliñou Fernández Antonio, que as contas responden aos obxectivos prioritarios do Goberno para o próximo exercicio: "o mantemento e creación de emprego, a mellora das políticas sociais, cun presuposto pensando nos cidadáns e o impulso á recuperación económica para que os sectores importantes de Galiza saian fortalecidos desta conxuntura". Tamén cualificou de "irrenunciábel" o proceso de converxencia, prognosticando o crecemento do país nun 1,3%, co que se lle rabuñarían tres décimas ao crecemento medio estatal.

Máis gastos correntes e de persoal malia a promesa de austeridade
Fernández Antonio destacou que, aínda que o capítulo xeral de gastos correntes subirá un 4,7% e chegará aos 8.523 millóns o próximo ano, "hai unha importante contención" dos gastos correntes en bens e servizos, que sumarán 1.416 millóns, ao aumentar un 2,5%. De paso, xustificou que a Xunta incremente en 2009 un 5,7% os gastos de persoal, até os 3.692 millóns de euros, argumentando que o 86% deste incremento vaille corresponder aos ámbitos da educación e sanidade.

Calendario polémico
O borrador dos orzamentos, entregado este luns no Parlamento polo conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, iniciará o debate na Comisión 3ª o día 23 deste mes e prolongarase ata principios de novembro con diversas comparecencias. O día 17 de novembro será o último para tramitar emendas parciais ao texto.

A continuación, a Cámara recollerá a toma en consideración do proxecto de lei, o luns día 24 de novembro e, esa mesma semana, o venres, comezará a elaborarse o informe do relatorio. O ditame da comisión publicarase o día 11 de decembro para ser levado ao pleno o martes 16 e mércores 17 co fin de aprobalo definitivamente.

O calendario foi criticado polo PPdeG, desde onde pensan que BNG e PSdeG queren meterlle "présa" á tramitación, o que fai que as comparecencias "empecen xa o próximo xoves". De paso, critican que a Xunta "tivo secuestrados durante catro días" os presupostos, malia que a lei de réxime financeiro e presupostaria de Galiza obriga o Executivo a remitir o proxecto antes do 20 de outubro. Tamén acusan os socios de goberno de cometeren "unha ilegalidade" na elaboración do calendario, posto que nel figura que o documento foi publicado "hoxe luns no Boletín Oficial do Parlamento" e, "polo menos" ao inicio da Xunta de Portavoces onde se aprobaron as datas de tramitación, sobre as 18.30 horas, non se fixera.

O PSdeG sostén que as contas "están do lado das familias"
"Estes presupostos están orientados a combater a crise e os seus efectos", sentenciou o voceiro de Economía do Grupo Parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, quen comparou as actuais contas coa "herdanza" do PPdeG na economía. Fronte ao "déficit profundo" do anterior executivo, o deputado socialista considerou que o actual "modificouno dende a raíz" e converteu a Xunta "na cabeza e no corazón do proxecto de transformación de Galiza". Leiceaga cualificou de "demagoxia" as opinións do PP ao respecto do orzamento e asegurou que as contas sitúanse "ao lado das familias". De paso, asegurou que "manteñen as prioridades de gasto" e responden ao "compromiso" do Goberno co desenvolvemento social e económico.

"Están feitas ao revés", analiza o PPdeG
"Cre a Xunta que incrementar a débeda pública en 1.150 euros por familia é protexer as familias?", preguntaba este luns en conferencia de prensa o presidente do PPdeG. Alberto Núñez Feijóo afirmou que abrir este "burato de 1.100 millóns de euros" nas contas públicas "é o contrario". "É burlarse das familias galegas nunha situación de crise", analizou.

Segundo Núñez Feijóo a orientación dos Presupostos para 2009 botando man da débeda implica que o Executivo pretende "vivir mellor a conta das familias galegas". "O gasto sobe catro veces máis que os investimentos", sinalou, definindo estes orzamentos como unhas "contas feitas ao revés". Neste sentido, censurou o "incremento desmedido" dos gastos de protocolo e asesores dende que PSdeG e BNG accederon á Xunta, algo que enmarcou na "tendencia ao luxo" do titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Feijoo aproveitou así para volver denunciar que o Goberno rexeitase a oferta de "pacto histórico" coa oposición sobre os orzamentos.


Ligazóns

4/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: