O sábado 1 de novembro, noite central do programa, actuarán en Sevilla na 'Galician Focus Night', Budiño, Mutenrohi e Narf.
Womex é o principal escaparate internacional das músicas do mundo. E nesta ocasión Galiza será máis protagonista ca nunca: por vez primeira viaxa cunha delegación individualizada, a través de plataforma Galician Tunes, a diferenza doutras edicións, ás que acodía integrada na marca Sounds of Spain; e ademais Womex acordou outorgarlle a Galiza a etiqueta de País Focus, primeira ocasión na que se crea esta categoría, que lle garantirá aos artistas e empresas do país unha maior visibilidade. Na delegación viaxan 17 empresas fonográficas: Abada, La Fábrica de Chocolate, Ouvirmos, Zouma, Berrogüetto, Edicións do Cumio, Muxicas, Nordesía, Falcatruada, Sul Producciones, Cávea, Producciones, Pai Música, Maré, Nalgures, Lonxa Cultural, Batea e Articket.
Viaxan tamén tres artistas moi representativos do momento musical galego: Xosé Manuel Budiño, Mutenrohi e Narf, que serán os protagonistas na noite central da Feira, a do sábado 1 de novembro, actuando pola noite na Praza de España de Sevilla. Os concertos abriranse con Mutenrohi ás nove e media, seguirán con Budiño ás once, e se pecharán con Narf á unha menos cuarto, desta vez no Teatro Lope de Vega.
Womex é un evento de dimensións sorprendentes: no 2007 acudiron 1400 empresas de noventa países, e as actividades foron cubertas por 350 xornalistas acreditados. O seu lugar de celebración (Sevilla, nesta ocasión) vai mudando, e de feito as edición de 2009, 2010 e 2011 celebraránse en Copenhague. Na roda de prensa de presentación da delegación galega, o representante da Asociación Galega de Empresas Musicais fixo unha aposta para que Galiza poida acoller o evento a partir de 2012.
Apoio ás iniciativas persoais
Os representantes das empresas valoraron a importancia da aposta que este ano realiza Galiza polo Womex: "levamos anos pelexando, sentíndonos ás veces como o 'llanero solitario', e salientaron a importancia da feira para a música de raíz e folk galega, "a que mellor funcionou fóra sempre e que representa a toda a nosa música". En resposta, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, agradeceu o traballo deses 'llaneros solitarios' e destacou que grazas aos seus esforzos individuais se puido abrir un espazo para a música galega, "a nosa misión como administración é apoiar a música galega, facilitándolles o traballo ás empresas e escoitando as súas demandas", concluíu.
Ademais dos concertos e do stand, Galician Tunes realizará unha intensa campaña de promoción da música galega na feira, con publicidade en revistas especializadas, e a distribución dun cd que inclúe unha selección da música de raíz tradicional galega. Womex é a terceira feira á que acode este ano o sector musical galego ao abeiro da Agadic. Primeiro foi Midem en Cannes e logo Popkomm en Berlín.
Finalmente, Xosé Manuel Budiño afirmou "non dar creto" ao ver o protagonismo que vai ter a música galega no Womex 2008: "eu estiven de espectador noutras ocasións, e case non creo que vaiamos actuar na Praza de España o sábado ás dez da noite", dixo. "Debe haber un erro", bromeu, "deben ser as dez da mañá".