Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A opinión dos sindicatos

"O que nos preocupa son as cifras de paro do mes que vén, porque a cousa estase poñendo seria"

Os tres sindicatos, UXT, CCOO e CIG sinalan que os verdadeiros afectados nesta situación de crise son os traballadores. Prevén que en Galiza aumente o paro considerabelmente na construción, mais tamén na industria e no sector servizos.

A. Rodríguez - 09:00 20/10/2008
Traballadores do Grupo Antolín, que fabrica pezas para Citroën, maniféstándose contra un expediente de regulación de emprego

Traballadores do Grupo Antolín, que fabrica pezas para Citroën, maniféstándose contra un expediente de regulación de emprego

Os sindicatos téñeno claro: os alicerces desta suba do paro están apoiados na crise financeira que estamos a vivir nos últimos meses. "A situación de crise é determinante, sobre todo en Galiza, onde as pequenas empresas e as microempresas -os autónomos-, producen o 80% do PIB, e agora están afogados pola falta de liquidez", díxolle a Vieiros Domingo Barros, secretario de Formación e Emprego de UXT-Galicia. Para Barros os sectores que máis han notar esta crise, e que máis han influír no engrosamento das listaxes do paro son a construción ("aínda que non a nivel do resto do Estado; a crise podería chegar con forza nos vindeiros meses") e os sectores a ela vinculados, sobre todo o sector servizos (hostalería, comercio, inmobiliarias, lecer...).

Para Eusebio Justo, secretario de Emprego e Formación para o Emprego de CCOO en Galiza, na actualidade o desemprego no noso país, "cando tiña un comportamento mellor que no resto do Estado, leva oito meses nunha situación de incremento; o mes pasado houbo 15 mil desempregados máis que hai un ano, e todo indica que a tendencia continúa, que a situación se vai agravar". En canto aos sectores aos que vai afectar, Justo pensa que serán o dos servizos e a construción, que vai arrastrar o sector da industria "de xeito preocupante cara finais de ano".

Para Manuel Currás Meira, secretario Confederal de Emprego da CIG, a crise tamén vai afectar ao sector da construción, aínda que en Galiza quen máis está sufrindo isto son os "traballadores portugueses, eles son os que están pagando esta situación, mais non engordan as cifras do paro en Galiza porque non computan no noso país", salientou. Currás Meira tamén dixo que outro sector afectado no noso país vai ser o da industria, sobre todo as empresas fabricantes de compoñentes, e o sector servizos. Porén, "o sector naval, o téxtil e o de transformación, alén do da pesca van resistindo", dixo. O sindicalista quixo salientar que dende a CIG o que lles preocupan "son as cifras do mes que vén, porque a cousa comeza a ser seria", xa que o que existe de base é "un problema de confianza da sociedade, e non vai haber sector que se salve... se non se reactiva o comercio interno, se a xente segue sacando os cartos do banco por temor a quedar sen eles, de que chegue a quebra..."

Como paliar os efectos da crise?
Para Manuel Currás, da CIG, o primeiro que debería facer o goberno español é atender á situación de emerxencia, elaborando "medidas inmediatas, de parcheo", pero tamén "á situación dos traballadores, que son quen realmente está sufrindo as consecuencias do que acontece", dixo, e continuou salientando que a "crise non a paga todo o mundo, desta volta é moi xeneralizada, pero o rico non a vai pagar", por isto avogou por "rescatar tamén os traballadores", sobre todo a aqueles que están pagando elevadas hipotecas ou outros créditos e se atopan no paro ou nunha situación precaria: "precisamos tamén unha boa protección social".

Para Currás, os culpábeis desta crise foron as grandes entidades financeiras, que "como ladróns de guante branco, roubaron durante meses" a base de vender determinados produtos, ou coas comisións, "non dando os resultados dos beneficios que tiraban... e agora hai que darlles cartos para que nos financien a vida en sociedade!", sinalou, ao tempo que dicía que, ao seu ver, o que habería que facer é "nacionalizar o banco que caia, non darlles máis axudas". Neste sentido, Manuel Currás salientou que o fundamental, nesta altura, sería desenvolver "medidas lexislativas que impidan o movemento libre da capital especulativo, é dicir, que se hai quen manexe grandes cantidades de diñeiro, en contas en Suíza ou outros paraísos fiscais, que deixe a metade en impostos aquí, no país". Ademais, dende a CIG pensan que tamén é importante que os orzamentos, como os dedicados ao sector da construción, se manteñan: "en Galiza temos outro tipo de construción, así como a hai especulativa, pero en menor medida, aquí este sector está baseado na vivenda unifamiliar e na grande obra pública. Para manter o sector é preciso que os orzamentos dedicados a isto non perdan o ritmo". Currás concluíu: "hai que manter o investimento e desatascar os plan xerais, para que non se paralicen máis obras das necesarias". Nesta liña, dende a CIG tamén apostan por atender a crise sectorialmente, "mellorando as conexións exteriores de industrias coma a da pedra, a madeira, a pesca...", e apostando polo "sector da tecnoloxías, a comunicación e a I+D+i".

Apostar pola innovación
Tamén esta é unha das propostas da UXT, xa que, segundo lle contou Domingo Barros a Vieiros, "cómpre cambiar o modelo produtivo", e dedicar esforzos a desenvolver o sector da "innovación e do I+D". Barros tamén sinalou que dende o seu sindicato seguen a apostar polo "proceso de diálogo social no marco do acordo sobre o emprego, no que se planearon varias medidas estruturais, como a creación dun novo modelo de emprego público e a selección de colectivos cos que é necesario traballar". O secretario da UXT tamén dixo que no seu sindicato cren nos incentivos de contratación ás empresas no caso de que os contratos asinados sexan indefinidos, "senón, rexeitámolos".

Dende CCOO tamén falan da importancia de elaborar políticas para volver inserir no mercado de traballo ou garantirlles prestacións sociais e económicas ás persoas afectadas e, sobre todo, ás máis febles nesta situación, como son a mocidade e as mulleres, os primeiros pola "alta taxa de precariedade" que soportan, segundo contou Eusebio Justo, e as segundas porque "aínda non ocupan no mundo laboral o papel que lles corresponde".

Estaremos lonxe dos efectos da crise xa o ano que vén?
Para Domingo Barros, da UXT, "é moi difícil facer previsións a este nivel, aínda que de todas as crises se acaba saíndo, e desta tamén; nós esperamos que canto antes mellor, se cadra no primeiro ou segundo trimestre de 2009". Porén, para a CIG, en palabras de Manuel Currás, "remontar isto vai levar un tempo, primeiro hai que chegar ao fondo para poder recuperar", opinión que coincide coa de Eusebio Justo, de CCOO, quen pensa que "a cousa aínda se vai complicar" no noso país.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: