CCOO considera que existe gran demanda de man de obra con experiencia, situación á que se chegou como consecuencia da redución de persoal nos estaleiros.
O sindicato Comisións Obreiras (CCOO) en Galiza presentou esta terza feira en Vigo, un plan para incorporar ao sector naval ao redor dun milleiro de persoas que nestes momentos están en situación de desemprego. Dende o sindicato opinan que actualmente hai unha gran demanda de profesionais nos estaleiros vigueses, como consecuencia da redución do persoal nas empresas do sector, o que levou a que se perdese xente con experiencia e cualificación.
O responsábel do Sector Naval de CCOO, Ramón Sarmiento, explicou que esta necesidade non é capaz de calmala o sistema actual, polo que urxe unha resposta "rápida e eficaz", que se traduciría neste novo modelo de incorporación de profesionais, que comezarían a traballar após facer un ciclo formativo de un mes, e continuar a súa formación durante un ano e medio máis. As estimacións do sindicato apuntan a que este colectivo tería un 70 por cento de garantías de contratación, polo menos durante un ano, e que cada mes poderían incorporarse ao sector ao redor de 80 novos traballadores durante os vindeiros dous anos. Para isto, Sarmiento lembrou que será preciso un apoio serio da Xunta, empresas e organizacións sindicais.
A iniciativa, que foi presentada na Consellaría de Traballo, tería un custe de 18 millóns de euros.