Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Unida á desinformación dos consumidores

"Na base da crise financeira está a política dos bancos, de vender por vender"

Os afectados en Galiza pola creba do meirande banco dos EUA, o Lehman Brothers, superan o medio cento.

A. Rodríguez - 08:00 15/10/2008
Sede central do banco Lehman Brothers en Nova York

Sede central do banco Lehman Brothers en Nova York

A mediados do mes de setembro crebaba a meirande entidade financeira dos EUA, o banco Lehman Brothers. Era a primeira alarma dunha crise que non deixa de aparecer, día a día, nas capas dos xornais e nos titulares dos informativos. Naquela altura, os cartos de milleiros de persoas perdíanse, e con eles os de máis de 500 inversores do Estado Español, moitos deles galegos, que nin sequera sabían exactamente onde tiñan colocados os seus aforros.

"Son entre 30 e 50 os que se puxeron en contacto con nós, pero tamén hai varios afectados en Galiza que falaron directamente con Madrid, ademais de moitas outras persoas que contrataron este tipo de produtos e aínda non o saben", contoulle a Vieiros María Queijas, responsábel da delegación de Adicae (Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros) no noso país. Este medio cento de persoas (e todas aquelas que aínda son descoñecedoras da súa situación) perderon todo o investido en distintos produtos cando crebou o banco norteamericano. Tiñan contratado, cos seus bancos, un tipo de depósito que se denomina estruturado, que, a diferenza do depósito a prazo fixo, o "de toda a vida", ten unha rendibilidade maior, pero non garante o cento por cento do depositado. Isto é, se a entidade financeira na que se investiron estes cartos vai á creba, o diñeiro pérdese.

A desinformación do inversor
Aquelas persoas que tiñan investido en depósitos do Lehman Brothers perdérono todo por causa dunha mala práctica por parte dos seus bancos, que lles venderon estes produtos, disfrazándollos ou colocándollos de xeito irregular, mentres mercaban outros. Hai xente que mesmo chegou a investir até 150 mil euros sen asinar nada ou recibir, por parte do seu banco, un contrato.

Como contou María Queijas, estes bancos violaron unha directiva comunitaria que obriga a facerlle aos seus clientes un test de idoneidade, calculando o risco do produto. Neste caso, na colocación de depósitos vinculados ao banco norteamericano, non se fixeron estes cálculos, e vendéronse produtos "nada axeitados para un inversor cun perfil conservador". Moitos dos afectados, "a inmensa maioría", son xubilados ou a piques de se xubilar, contou Queijas, e "investiron os aforros todos, os cartos que lles deu unha herdanza ou a venda dunha propiedade".

Segundo a responsábel de Adicae-Galicia, os bancos dos que teñen constancia que colocaron activos vinculados a Lehman Brothers son o Banif (do Grupo Santander), BBVA, Citi Bank, Banco Pastor e Bankinter, entre outras entidades. Este último banco mesmo chegou a enviarlles cartas aos seus clientes para que asinaran agora os contratos dos depósitos, a posteriori, cando se soubo do problema. Polo seu lado, os afectados pola creba do LB están a preparar accións conxuntas para que lles devolvan os seus aforros.

A política de "vender por vender" para cumprir os obxectivos do mes
Para María Queijas a crise financeira que estamos a vivir foi causada por diversos factores. O primeiro a política do "vender por vender" que desenvolveron os bancos: "As entidades financeiras comezaron a funcionar coma supermercados, regalando a vaixela, o DVD... Os clientes que ían contratar unha hipoteca, saíron cun préstamo, dúas tarxetas de crédito, un plan de pensións -con 20 anos!-, un seguro de vida ou varios, un seguro multirisco fogar... O que estaban a facer os bancos era vender produtos, para cumprir os obxectivos trimestrais, o que terminaba por encarecer o prezo das hipotecas", sinalou Queijas.

Os outros culpábeis foron os mesmos inversores, que non se informaron axeitadamente. "vivíase unha época de bonanza económica e a xente comezou a gastar sen moita cabeza", dixo Queijas, ao tempo que salientaba que houbo moita xente que fixo "as contas de leiteira", pensando que cun soldo de, por exemplo, 1.500 euros, "habíalles dar para pagar a hipoteca, un crédito ao consumo que pediron para amoblar a nova casa, o coche... e a nada que subiron os tipos de xuros e o que supuxo o paro da construción -para a industria e moitos autónomos-, a xente comezou a non chegar". Daquela apareceron as empresas reunificadoras de créditos, un perigo para os consumidores porque, segundo contou Queijas, debullábanse como entidades financeiras, e non son outra cousa que "empresas que traballan con capital privado, o que non deixa de ser unha estafa". As reunificadores non están supervisadas por ningunha entidade pública, e aínda que aparecen como unha ponte para pór en contacto os seus clientes cunha entidade bancaria que os queira financiar, "acababan por emprestar capital privado, que hai que devolver cuns xuros moito maiores da cantidade emprestada", revelou Queijas. Porén, nesta lexislatura o goberno español vai comezar a regular estas entidades, cun proxecto de lei moi aplaudido no sector que foi aprobado este ano. "Máis vale tarde que nunca", salientou Queijas.

Os inversores galegos, alarmados
A responsábel de Adicae-Galicia tamén lle contou a Vieiros cales son as principais queixas e dúbidas que recolle esta entidade, con sede na Coruña. Así como o ano pasado non houbo moitas consultas, este ano incrementáronse, en dúas direccións: "por un lado a xente quere saber como pode facerlle fronte ao seu préstamo hipotecario, e polo outro, hai moitas persoas preocupadas por perder os cartos confiados a un determinado banco ou caixa". Neste sentido, Queijas dixo que, coa alarma de que o goberno só ía garantir os depósitos de 20 mil euros ou menos, "a xente comezou a sacar os cartos todos do banco e isto é moi malo para o mercado e a banca, e moita culpa tivérona os medios de comunicación, por non informar ben", concluíu.


4,67/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As persoas que ían contratar unha hipoteca saían "cunha vaixela un DVD, varias tarxetas de crédito..."
As persoas que ían contratar unha hipoteca saían "cunha vaixela un DVD, varias tarxetas de crédito..."
Os consumidores endebedáronse, por un lado, e os bancos afogáronos coas súas políticas de "vender por vender"
Os consumidores endebedáronse, por un lado, e os bancos afogáronos coas súas políticas de "vender por vender"
O non control sobre as entidades de reunificación de débedas tamén agravou a crise / Imaxes: Adicae
O non control sobre as entidades de reunificación de débedas tamén agravou a crise / Imaxes: Adicae