O conselleiro de Economía, admitiu que o Goberno espremerá o máximo que permite a Lei de Estabilidade Presupostaria, un 1% do PIB.
Na conxuntura actual de crise económica e coas crecentes esixencias en gasto social e investimentos, o Goberno decidiu botar man das ferramentas acordadas a nivel estatal no Consello de Política Fiscal e Financeira. Segundo ese pacto, enmarcado na Lei de Estabilidade Presupostaria, o endebedamento máximo que pode acadar a Xunta como previsión para as contas de 2009 sería dun 0,75% do PIB, máis un 0,25% adicional para investimentos produtivos.
O conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, adiantoulles as intencións do executivo a sindicatos e empresas, nas respectivas reunións mantidas este luns, recibindo o apoio dos axentes económicos para a utilización deste mecanismo. A posibilidade agora confirmada polo conselleiro fora exposta xa hai poucos días polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. "Manter a actividade económica, seguir converxendo e ter un mellor comportamento no emprego", son as metas a garantir segundo palabras de Fernández Antonio.
Así e todo, os representantes sindicais, Xosé Antonio Gómez (UXT), Xan María Castro (CCOO) e Xesús Seixo (CIG) queixáronse da falta de concreción do conselleiro ao respecto dos Orzamentos 2009. Laiáronse os respectivos secretarios xerais dos principais sindicatos de que Economía os cite para finais de novembro, cando xa non terían capacidade de influencia nos orzamentos agás vía emendas dos grupos parlamentarios.
En especial, o representante da CIG, Xesús Seixo, subliñou o abano de propostas coas que chegaba a esta xuntanza, destacando a da introdución dun salario de inserción laboral para os desempregados maiores de 21 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica, que leven residindo en Galiza polo menos tres anos e un mínimo dun ano anotados no paro. Seixo tamén propuxo a creación dun Banco Público Galego para canalizar as medidas que tomen a cabo para achegar liquidez neste momento de crise financeira e expresou a súa esperanza de que a crise non provoque minguas nos servizos públicos.