Despois de dous anos, o Balonmán Coruña tivo unha difícil estrea no que se viu superado polo Asador Arealonga Chapela.
Nove equipos loitarán por vencer a liga
A primeira división do balonmán feminino galego volveu á competición o pasado fin de semana con tres partidos. O Asador Arealonga sitúase líder despois de vencer por un claro 31 - 13 ao BM Coruña, que volvía á competición despois de dous anos dedicándose a traballar exclusivamente coas mozas e os mozos da canteira. As coruñesas comezaron metidas no encontro, pero as xogadoras do Arealonga distanciáronse a finais da primeira metade.
Na segunda, dedicáronse a ampliar a diferenza ante un rival que sufriu un maior desgaste por ter poucas xogadoras no equipo. O Arealonga Chapela descansa na vindeira xornada, mentres que o BM Coruña viaxa a Redondela para enfrontarse ao Peguform, que ven de comezar con vitoria. As mozas do Peguform acadaron unha importante vitoria por 15-21 no campo do BM Tui. No outro partido da xornada o Ázkar de Coia impúxose por 29 - 18 ao BM Bueu.