"Un auténtico despropósito", critica Xosé Manuel Pérez Bouza (BNG), denunciando ademais a pasividade da Consellaría de Medio Ambiente respecto dalgún dos proxectos máis agresivos.
Son media ducia de concesións que lle afectan até a 15 instalacións hidroeléctricas, a maioría novos saltos eléctricos e incluídas varias ampliacións de potencia. Suman en total máis de 1.500 megavatios. Os datos foron achegados nunha resposta do goberno español a Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG.
Alén de solicitar o detalle dos proxectos en trámite, o senador nacionalista expoñía na súa interpelación ao executivo a necesidade de que a Xunta asumise competencias plenas sobre as autorizacións hidroeléctricas, de xeito que Galiza puidese xestionar a súa planificación enerxética de forma integral.
O Ministerio xustifica na inacción da Consellaría a autorización en Ribas de Sil
Ademais da confirmación oficial da existencia de todos estes proxectos, en conversa con Vieiros o senador do Bloque destaca especialmente o caso do macroproxecto de Iberdrola en Santa Cristina de Ribas de Sil. Xosé Manuel Pérez Bouza advirte unha vez máis do grave impacto medioambiental e paisaxístico que implica esa iniciativa empresarial de construción dunha central de ciclo reversíbel nos canóns do Sil.
Bouza critica tamén que a capacidade de actuación da Xunta para frear ese proxecto queda obstaculizada pola inexistencia dun plan de xestión do Lugar de Interese Comunitario "Canons do Sil". Un plan que lle correspondería elaborar á Consellaría de Medio Ambiente e que o BNG lle instará a redactar "con urxencia" a este departamento.
De existir ese documento ou no seu caso unha normativa de usos e actividades, calquera actuación a realizarse no contorno deste espazo protexido estaría suxeita a ese regulamento. No entanto, o LIC Canón do Sil non conta con este plano, polo que a capacidade do Goberno para parar o proxecto vese minguada, quedando a expensas de Madrid.
Así e todo, o senador galego recórdalle ao goberno español que independentemente da existencia ou non dese plan, o Ministerio de Medio Ambiente, liderado pola ourensá Elena Espinosa, podería demostrar a súa sensibilidade ao respecto da protección desta zona, denegando xa ese aproveitamento hidroeléctrico. Por riba, o Ministerio ignora os informes xa presentados pola Consellaría de Innovación e Industria en contra desta central.
Ampliacións e novos proxectos
Os proxectos en trámite nun contorno do que o senador do BNG lembra que xa está "amplamente sobreexplotado" inclúen ademais una petición en Nogueira de Ramuín para o denominado Salto da Moura, que pretende instalar un aproveitamento de 25MW do que a Consellaría de Industria tamén informou negativamente. Tamén no Sil, preténdese instalar o Salto do Barco, da empresa Salto Fondo de Lugar S.L, cunha potencia de 7.560 kw; e dous proxectos de Iberdrola: Salto d'O Barco, de 10.448 kw, e Salto de Arnado, de 9.566 kw.
Entre outros, no Miño hai solicitudes para modificar os saltos de Belesar e Os Peares; da empresa Hidroeléctrica de Tosende S.L., que pretende construír un salto nos términos de Corgo e Guntín de Pallares, cunha potencia a instalar de 2.750 kw; e do Salto do Sela, que promoven conxuntamente Fenosa e Electricidade de Portugal (EDP) no concello de Crecente, e que inclúe tres saltos de 13.118 kw cada un.