Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
ETB-3

A televisión vasca presenta nova canle e nova web

A terceira cadea, integramente en éuscaro, estará dedicada a un público infantil e xuvenil, mentres que o portal se suma á tendencia da web 2.0.

Redacción - 11:20 11/10/2008
Presentadores de ETB-3

Presentadores de ETB-3

A radio e televisión pública vasca, EITB, celebra este venres o 25 aniversario de Radio Euskadi inaugurando unha nova canle de televisión e renovando a súa web. O Lehendakari José Antonio Ibarretxe deulle a apertura oficial ao novo servizo audiovisual, ETB-3, que emitirá exclusivamente por TDT, en formato panorámico, en éuscaro, e estará dedicado ao público novo.

A programación dividirase, basicamente, en dous grandes bloques: Betizu, dedicado aos cativos, e Gaztea, para a mocidade, con música e cultura. Ademais, o horario de máxima audiencia estará destinado a espazos culturais, seguidos dun informativo para un público novo, e todo en éuscaro.

ETB-3 convivirá no múltiplex dixital de Euskadi con ETB-1, en éuscaro; ETB-2, en castelán, e ETB-Sat, para Europa, mentres que desaparece o Canal Vasco, que emite vía satélite para os cidadáns do país residentes en América.

Asemade, a corporación pública estreou a súa nova web, aínda en fase beta, e que segue a tendencia actual de promover a participación e ofrecer contidos multimedia.

E a TVG?


Entre tanto, a Televisión de Galicia aínda non puxo en marcha a súa segunda canle, en principio destinada tamén a un público máis novo e con programación infantil, cultural e deportiva. As últimas declaracións do seu director, Suso Iglesias, facían referencia ao mes de outubro. Aínda que non houbo anuncio oficial, a web da Galega xa inclúe a programación provisional da súa segunda canle.

Si comezou, este venres, o proceso de dixitalización da televisión pública do país. O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias, recibiu o primeiro borrador do Plan de Dixitalización da CRTVG e das súas sociedades.

O seu obxectivo é deixar de usar fitas de vídeo e que os contidos audiovisuais sexan accesíbeis dende os computadores dos traballadores. O plan estabelece un proceso de implantación en dúas fases: un proxecto piloto dende xaneiro de 2009 e outro proxecto executivo, en 2010. O orzamento é de 6 millóns de euros.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: