A comisaria Viviane Reding rexeita a lei proposta por Sarkozy e avoga por que as discográficas busquen novos modelos de negocio.
Viviane Reding
A Comisión Europea respectará os dereitos dos internautas, despois da decisión do Parlamento Euroeo de rexeitar a chamada "lei dos tres golpes". A norma, impulsada polo goberno francés, pretendía desconectar os usuarios da rede despois de dous avisos por violación de dereitos de autor.
A denominada 'emenda Bono' estabelece que non se poden impoñer restricións nos dereitos e liberdades dos usuarios sen orde xudicial. A comisaria europea da Sociedade da Información, Viviane Reding, que participou nunha conferencia sobre dereitos na internet organizada por EUobserver, salientou a decisión do europarlamento e dixo que é unha reafirmación dos dereitos fundamentais, entre os que incluíu o acceso aos servizos que fornece a rede.
"Demasiadas veces consideramos que as compañías de telecomunicacións son as únicas que posúen dereitos na internet, pero a cidadanía tamén os ten". A emenda colide coa pretensión do presidente francés, Nicolas Sarkozy, proposta o pasado novembro, de que a industria fonográfica e os proveedores de servizos de internet puidesen desconectar automaticamente os usuarios que descargasen material con copyright.
Fronte a este modelo de culpabilización dos internautas, Reding avogou por desenvolver novos modelos de negocio como mellor xeito de combater a pirataría, e puxo como exemplo a YouTube. "A plataforma dille ao propietario dos dereitos se o seu contido foi subido a YouTube. Despois pode escoller entre deixalo como está, engadir publicidade e sacar beneficio do contido ou ben pedir a súa retirada".