Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME DO BANCO MUNDIAL E A FAO

A sobreexplotación dos mares e o exceso da flota fai que a pesca non sexa rendíbel

O estudo avoga pola reforma da lexislación en materia pesqueira e calcula en 36,4 millóns de euros as perdas derivadas dunha mala xestión.

Redacción - 18:00 10/10/2008
Tags: BM FAO pesca

As capturas de pesca a nivel mundial están estancadas: permanecen na cifra de 85 millóns de toneladas. Estes datos preocupan tanto ao Banco Mundial como á Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) que elaboraron un informe no que estudan as causas deste estancamento, ao tempo que suxiren alternativas para que a pesca internacional sexa máis rendíbel. A pesca artesanal non ten cabida neste estudo que, en termos economicistas, avoga por unha xestión máis matematicamente ordenada, que teña en conta as necesidades do sector dende o punto de vista da produtividade.

Para comezar, unha das conclusións é que a pesca mariña está a perder máis de 36,4 millóns de euros ao ano. Isto débese fundamentalmente á falta de peixes, a que o custe para a súa localización é cada vez maior e á sobrecapacidade da flota pesqueira. Ademais, subliña que os beneficios por barco e mariñeiro se reduciron considerabelmente nos últimos tempos.

Outra das teses que defende este informe, titulado "Os millóns afundidos: xustificación para unha reforma", é que o 75% das poboacións mundiais de peixe se atopan totalmente explotadas ou sobreexplotadas. Asemade, a organización explica que, a nivel mundial, para a captura de cada tonelada emprégase case media tonelada de combustíbel. Con todo, o nivel real de ingresos dos mariñeiros cotízase á baixa, mentres que unha gran parte da industria non está a sumar beneficios.

Solucións para o futuro: reforma pesqueira
O texto fai fincapé na necesidade da recuperación das poboacións de peixes a nivel mundial. Tamén avoga pola modernización da flota pesqueira e a incorporación das tecnoloxías máis innovadoras para reducir a necesidade de esforzo pesqueiro. Conseguiríase así minimizar os custes e acadar máis beneficios e provocar o seu mellor reparto.

A reforma das lexislacións, para que se encamiñen cara este futuro é o chamado que realizan o BM e a FAO. Recordan que a pesca é tan só un elo da industria mundial de alimentos do mar, que xa acadan un valor de máis de 400 mil millóns de dólares e, por cada persoa que traballa neste sector, existen outros tres empregados en terra. Ademais, o peixe é a principal proteína animal para 1.000 millóns de persoas e supón o medio de subsistencia para preto de 200 millóns, o 90% das cales vive nos países en desenvolvemento.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: