Efectúa modificacións baseadas nas medidas faciais ideais, aínda que sen cambiar a personalidade do fotografado.
Informáticos israelís desenvolveron un software que modifica automaticamente retratos de persoas para facelas máis atractivas sen que deixen de ser recoñecíbeis. O 'embelecedor dixital' usa unha fórmula matemática que se basea nos resultados dunha enquisa efectuada a 68 persoas.
As mulleres e homes que se someteron ao estudo tiñan idades de 25 a 40 anos e procedían de Israel e de Alemaña. Tiñan que mirar imaxes de persoas e escoller as que lles parecían máis atraentes. Despois, os científicos da Universidade de Tel Aviv elaboraron un algoritmo que ten en conta 234 medidas faciais como a separación dos ollos, a largura da fronte ou a distancia entre os beizos e o queixo.
A diferenza do que pasa, cada vez máis, nos retoques fotográficos das revistas, os cambios son unicamente de xeometría, e non se disimulan manchas nin se modifican as cores.
Como adoita acontecer cos computadores, o 'embelecemento' é simplemente matemático e non sempre os resultados son mellores ca o retrato orixinal. De feito, nalgúns casos non se nota nin a diferenza. Un dos programadores tamén se someteu á experiencia, como se pode comprobar na galería publicada no New York Times.