O Bloco de Esquerda e os Verdes presentan unha petición para que as parellas do mesmo sexo poidan casar. O PS considera que a sociedade precisa preparación.
Imaxe tomada nunha manifestación a favor do matrimonio gai, en Italia / Flickr: dumplife (Mihai Romanciuc)
O grupo parlamentario do PS vai votar, esta sexta feira, en contra dunha proposición de Lei, presentada polo Bloco da Esquerda (BE) e polos Verdes, para que se aprobe o casamento entre persoas do mesmo sexo.
Porén, a pesar de emitir un voto negativo, os socialistas portugueses elaboraron unha "declaración de voto" na que afirman estar a favor do casamento homosexual. Neste documento, os deputados do PS expoñen, en tres puntos, que o seu grupo defende "de xeito intransixente" a igualdade dos dereitos expresados na Constitución, e que non cuestiona o contido programático da proposición do BE e dos Verdes, ao tempo que se posiciona a favor da unión de persoas do mesmo sexo.
A sociedade portuguesa non está preparada
Pero o grupo parlamentario dos socialistas xustifica o seu voto negativo na idea de que esta proposición chega no momento no que non debera, sen que houbese unha discusión na sociedade portuguesa sobre o asunto.
Neste sentido, o PS volve esgrimir un dos seus principais argumentos durante todo o debate que se xerou arredor desta proposta: que os casamentos homosexuais non fan parte do programa do goberno portugués para esta lexislatura.
Porén, dende o xornal portugués Público sinalan que, segundo puideron saber, non vai haber un verdadeiro consenso entre os 121 deputados que integran o grupo dos socialistas no Parlamento portugués, polo que moitos deles poderían votar a favor desta proposta. Os principais partidos conservadores (PSD e PP) van votar en contra, o PCP a favor, mais con reservas a algunhas cuestións que recolle o proxecto presentado polos Verdes.