Con máis de trinta obras publicadas, obtivo importantes recoñecementos, principalmente no seu país. É o primeiro francés que recibe o premio dende 1985.
Soaban moitos nomes para o premio: Philip Roth, Per Olof Enquist, Claudio Magris, Amos Oz, Adonis ou Thomas Pynchon, pero a Academia sueca apostou por un autor que se ben non é excesivamente coñecido fóra de Francia, ten unha traxectoria moi ampla, e xa acadou importantes recoñecementos: Premio Renaudot en 1963, Premio Paul Morand, en 1980, e en 1994 foi elixido mellor autor francés vivo. É o primeiro autor desta nacionalidade que obtén o Nóbel de Literatura dende 1985, cando o galardón recoñeceu a Claude Simon. A Academia destacou que é un autor "de novas viaxes, de aventuras poéticas e éxtase sensual, un explorador da humanidade alén e por baixo da civilización dominante".
Jean-Marie Gustave Le Clézio naceu en Niza en 1940, fillo dun cirurxán británico e dunha muller procedente dunha familia bretona emigrada ás Illas Mauricio no século XVIII. Conta con máis de trinta obras publicadas; unha obra prolífica que comezou moi novo, pois xa aos sete anos de idade escribiu o seu primeiro libro, unha historia co mar como protagonista que o levaba nun barco até Nixeria na procura do seu pai. Era moi novo, apenas 23 anos, cando viu publicada a súa primeira novela, Procès-Verbal, que mereceu o prestixioso Premio Renaudot. É esta novela unha das súas obras máis coñecidas, xunto con Désert (1980) ou Le Chercheur d'or (1985).
Nos anos sesenta e parte dos setenta gaña fama como autor experimental, ligado a creadores contemporáneos como Georges Perec ou Michel Butor e, intelectualmente, a Michel Foucault e Gilles Deleuze. As temáticas que trata neste tempo, no que se lle considera un rebelde, son a tolemia ou o propio proceso da escritura. A finais dos setenta as súas obras mudan radicalmente, abandonando a experimentación e os ambientes atormentados, gañando protagonismo temáticas novas, como a infancia ou as viaxes. É nese momento no que obtén o Premio Paul Morand.
Viviu en moitos lugares do planeta, levando unha vida moi axitada, sobre todo na súa mocidade. En 1967 realizou o seu servicio militar en Tailandia como cooperante, pero foi rapidamente expulsado por denunciar a prostitución infantil; daquela foi enviado a Máxico para finalizar alí o servizo. Esa estadía levouno a especializarse en Michoacan e nas mitoloxías indíxenas; publica unha tradución das Profecías de Chilam Balam e presenta a súa tese de doutoramento no instituto de estudos mexicanos de Perpignan. Na actualidade vive a cabalo entre Albuquerque, Niza e París.