Disputarase en Lugo, coincidindo coas festas de San Froilán, polo que se prevé a asistencia de moito público.
Os adestradores de Ázkar, Burela e Lobelle, co cobizado trofeo
Este venres dispútanse as semifinais, que enfrontan, por un lado, o Ázkar Lugo contra o Burela Pescados Rubén, e polo outro, o Lobelle contra o Leis Pontevedra. A final xogarase o sábado a partir das 18:30 hotas da tarde, no pazo municipal dos deportes de Lugo. A entrada aos partidos será gratuíta, polo que se agarda unha gran afluencia de público ao coincidir a competición coas festas de San Froilán.
Lobelle e Ázkar chegan a Lugo como grandes favoritos, clasificados en terceiro e cuarto lugar respectivamente da División de Honra, máxima competición a nivel estatal. Buscarán medir as súas forzas na final pero non van ter unhas semifinais doadas. Burela e Leis afrontan esta competición como unha das citas máis importantes da súa tempada, e a motivación será un punto ao seu favor.
O sábado saberemos se o equipo local revalida o título gañado o ano pasado, ou se algún dos outros aspirantes consegue ocupar o seu lugar.