En setembro o barco fora acusado de pesca ilegal e estivera retido cinco días.
As autoridades militares mauritanas manteñen retido, dende esta terza feira, o arrastreiro Bahía de Portosanto en augas do país africano, por causas que aínda se descoñecen. O buque xa estivera nunha situación similar hai apenas 15 días. Naquela altura o conflito saldouse coa intervención do goberno español e da UE.
O arrastreiro é propiedade do armador marinense Santiago Iglesias Caballa, e está tripulado por seis mariñeiros galegos e sete mauritanos. O patrón é Xoán Xosé Iglesias, fillo do armador, quen lle comentou por teléfono á Radio Galega que as autoridades mauritanas van "directamente por nós".
Iglesias referíase a que hai menos dun mes que Bruxelas tivo que mediar para que Mauritania soltase o barco, acusado de pesca ilegal. O patrón dixo, ademais, que o grupo de militares que subiu a bordo, acúsaos de levar "demasiados mariñeiros estranxeiros" na súa tripulación, e está a medir e pesar os peixes que levan nos frigoríficos.