Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN CASO DE CREBA BANCARIA

O Estado español eleva a garantía dos depósitos até os 100 mil euros

Mentres, os 27 países membros da UE acordaron elevar o aval mínimo dos aforros para toda a Unión Europea a 50 mil euros.

Redacción - 18:00 07/10/2008

Tal e como estaba previsto, os ministros de economía da Unión Europea (UE) chegaron a un acordo sobre o incremento do fondo de garantía dos depósitos bancarios. Con todo, non houbo consenso para estabelecer este límite nos 100 mil euros, como propoñían moitos países, entre eles o Estado Español. Finalmente, o aval dos depósitos sitúase nos 50 mil euros, unha cantidade que despois pode ampliar cada un unilateralmente.

O obxectivo é que con esta medida se eviten problemas derivados do diferente tratamento que estaban a dar os Estados membros á posíbel devolución dos aforros en caso de creba: pretende frear certos movementos destes depósitos duns países a outros. Porén, as correntes de cambio non remataron e agárdase que algúns países, entre eles o Estado Español, poidan ir máis alá e apostar polo mínimo de 100 mil euros, como defenderon no debate do Ecofin.

Máis cobertura no Estado Español
O primeiro en anunciar que respaldaba todos os depósitos dos bancos do país foi Irlanda. A esta medida acábanse de sumar Portugal e Dinamarca. Mentres, o ministro de Economía, Pedro Solbes, xa anunciou que a intención do goberno é elevar este fondo até os 100 mil euros.

No caso do Estado Español a garantía de depósito nútrese da achega de bancos, caixas de aforros e asociacións de créditos. Os bancos aportan o 0,6 por mil dos depósitos e as caixas o 0,4 por mil para construír este fondo, que o sector bancario non consideraba necesario ampliar. Con estes datos, fontes económicas aseguran que hai marxe suficiente como para afrontar a suba sen que os bancos teñan que achegar máis cartos.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: