Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Sentenza recorríbel

O xulgado que extraviou o expediente do caso 'La Coruña' falla a favor do ex alcalde Paco Vázquez

"Non fica demostrado" que o rexedor incorrese nun delito de "desobediencia" ou de "prevaricación".

Redacción / Europa Press - 20:10 06/10/2008

O xulgado número 5 da Coruña considera que "non fica demostrado" que o ex alcalde da cidade e embaixador español no Vaticano, Francisco Vázquez (PSdeG), incorrese en delito de desobediencia ou prevaricación ao usar 'La Coruña' en lugar do topónimo oficial 'A Coruña'.

Deste modo, o ministerio xudicial fallou en contra da demanda que denunciaba que Vázquez incumpría as sentenzas "que obrigaban" a usar o único topónimo oficial da localidade en detrimento de 'La Coruña', segundo a sentenza dada a coñecer este luns polo Movemento polos Dereitos Civís (MpDC).

O fallo xudicial considera que a decisión tomada no pleno municipal pola que se aprobou a oficialidade de 'A Coruña' "non vulnera a lexislación" en materia de toponimia e tampouco as resolucións da Fiscalía.

Deste modo, a sentenza apunta que "o que se aproba non é que a cidade adopte, a partir deste momento, o topónimo 'La Coruña', senón que se aproba o seu uso conxunto -en galego, 'A Coruña', e en castelán 'La Coruña'- engadindo no seu apartado terceiro que "calquera persoa ou institución ou administración poderán usalo conxunta ou indistintamente".

Contradición

Na mesma sentenza, o xuíz apunta que a Lei 3/83 do 15 de xuño de Normalización Lingüística estabelece que "os topónimos oficiais de Galiza terán como única forma oficial a galega". Para o MpDC resulta "canto menos, curioso" recoller ambas as dúas afirmacións.

Ademais, o maxistrado considera que ao empregar o topónimo en castelán en vez do oficial en galego non se deduce "clara intención de non cumprir a orde da Autoridade superior".

Extravío do expediente

O MpDC anunciou que recorrerá o fallo xudicial a través dun contencioso-administrativo "onde se pode solicitar ademais a suspensión preventiva do acordo adoptado".

Ademais, lamentou que a resolución chegue "poucos días despois" de que se iniciase a reconstrución do expediente completo da denuncia, xa que este se "extraviara" por parte da sala.

Reproban tamén que "leve máis dun ano e medio agardando" o fallo, e reprochou que "tivo coñecemento da perda dos arquivos a través dunha queixa ante o Valedor do Pobo".


4,56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: