O DAX 30 da bolsa de Francfort, o maior da Eurozona, perdeu máis dun 7% este luns. París caeu un 9,04% e Londres, un 7,29%.
Os xefes de estado e de goberno da UE comprometéronse este luns a tomar "todas as medidas necesarias" para garantir a estabilidade financeira, xa sexa mediante a inxección de liquidez procedente dos bancos centrais, o rescate dos bancos en dificultades ou a protección dos aforros dos usuarios.
"Todos os dirixentes da UE declaran que cada un deles adoptará todas as medidas necesarias para garantir a estabilidade do sistema financeiro", asegurou Nicolás Sarkozy como presidente de quenda dos Vinte e sete.
Luns negro nas bolsas
Mentres, 'plan Bush' mediante, as bolsas de todo o mundo caían. São Paulo paralizou o mercado ante unha caída do 15% e Wall Street comezou a sesión con fortes perdas.
En Europa as baixadas superaron o 7% (un derrubamento do 15% da bolsa de Moscova obrigou a suspender as cotizacións) ante a constatación de que a crise financeira aportou definitivamente no Vello Continente.
O índice DAX 30 da bolsa de Francfort, o máis importante da Eurozona, marcou unha perda do 7,01% este luns. París sufriu a maior caída da súa historia cun 9,04%, e Londres retrocedeu o 7,29%.
Antes da apertura dos mercados europeos, xa as bolsas asiáticas foran vítimas da falta de confianza dos investidores. O índice Nikkei 225 de Toquio rematou a sesión cun retroceso do 4,25%, situándose no seu nivel máis baixo dende o 12 de febreiro de 2004, a de Xangai pechou cunha perda do 5,23%, e Hong Kong caeu un 5%.