O Partido dos Traballadores e os aliados do actual presidente do Brasil, foron os triunfadores dos comicios locais no país.
Marta Suplicy (PT), ex-prefeita de São Paulo, aspira a recuperar o mando
Arredor de 129 millóns de electores terían acudido ás urnas en Brasil, segundo os primeiros datos que chegan de aló, para escoller 5 milleiros de alcaldes e sobre 50 mil concelleiros. E se algo destacou nesta cita electoral foi o consenso sobre o liderado do actual presidente do país, Luís Inácio Lula da Silva, xa que o ataque ao mandatario non estivo entre as principais armas dos contendentes, debido á elevada popularidade da que goza.
O Partido dos Traballadores (PT) aparecería así como un dos principais vencedores destes comicios, conseguindo cando menos a vitoria na terceira parte das 30 maiores cidades. Á beira, destaca tamén o resultado favorábel do seu principal aliado no Congreso, o Partido Movemento Democrático Brasileiro. (PMDB)
Con todo, a expectación continuará algúns días nalgunha das principais cidades, onde é necesaria a maioría absoluta para gañar en primeira volta. Así por exemplo, no caso de São Paulo, o actual rexedor, Gilberto Kassab, que encabeza unha coalición enfrontada a Lula, só alcanzou o 35% dos sufraxios, polo que se enfrontará en segunda volta á candidata do Partido dos Traballadores, Marta Suplicy, que chegou ao 29% dos apoios na primeira quenda. Na outra gran metrópole, Río de Janeiro, disputarán a alcaldía Eduard Paes (PMDB), co 32% en primeira volta, e Fernando Gabeira (Partido Verde), co 25% na primeira volta.