Budiño recibirá o galardón ao mellor disco do 2007, mentres que Emilio Cao recollerá o premio 'Andaina Senlleira'.
Os premios Opinión de música folk chegan á súa sétima edición e celebran este venres á noite a súa habitual gala, que terá lugar no Teatro Rosalía da Coruña a partir das oito e media da tarde. Os premios teñen dous grandes protagonistas este ano. Por unha banda Xosé Manuel Budiño e o seu Home, elixido 'mellor disco folk' do 2007. O gaiteiro de Moaña actuará na gala acompañado de Mercedes Peón, que cantará o tema Inmaterial. Aínda que nun primeiro momento falouse da posibilidade de que Xoel López Deluxe interpretase con Budiño o seu Ollos de sal, finalmente parece que non vai ser posíbel, pois o cantante atópase en América e non vai poder chegar a tempo.
O outro protagonista será Emilio Cao, que recibirá o premio 'Andaina Senlleira', inaugurando o palmarés deste galardón, destinado a recoñecer tanto a artistas como a institucións e persoas que traballara a prol da música folk en Galiza.
A Budiño acompañarano no escenario Entre Trastes, unha formación moi interesante, en opinión de Óscar Losada, alma do galardón, "porque non había traballos baseados en cordas e porque máis da metade dos seus temas son de creación propia". E tamén as rapazas de Lulavai, un cuarteto de arpistas moi novas, que están sorprendendo nos seus primeiros pasos como grupo. Tres xeracións de artistas que constitúen unha mostra de que o folk galego se mantén con forza malia á crise da industria e aos altibaixos "non está de moda, e nos últimos anos xurdiron máis grupos pero non aumentou a demanda, é un momento complicado", di Losada.
En canto ao propio futuro do premio, Óscar Losada é cauto: "nunca se sabe, o vento sopra a favor, pero pode deixar de soprar; nós estaremos aí mentres siga soprando, aínda que sexa pouco". Así e todo, Losada anuncia para o vindeiro ano "un espectáculo único, con moitísimos músicos xuntos no escenario" e lanza unha crítica ao artistas e profesionais do folk galego: "nas galas boto de menos a presenza de máis músicos e de representantes da industria; nos premios de teatro, ou do audiovisual está todo o mundo; nos da música, non sei por que, non están".