Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALIMENTACIÓN

Dúbidas sobre a comercialización do peixe panga asiático

O BNG exixe no Parlamento medidas de control sanitario sobre as importacións deste produto procedentes de Vietnam e China

Redacción - 13:56 03/10/2008

O panga, un peixe de auga dóce cun sabor semellante ao do linguado e cada vez máis presente nos nosos mercados, está no punto de mira. Países como Xapón ou Estados Unidos xa prohibiron a súa importación dende Asia, mentres que por exemplo Noruega mesmo ordenou a retirada dos seus filetes do mercado. As dúbidas sobre a súa calidade derívanse de estudos que detectaron a presenza nel de diferentes bacterias que ocasionan prexuízos para a saúde. Así, un recente estudo encargado pola Asociación de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (ANFACO) detectou a presenza de microorganismos da cólera e listeria en mostras de panga. Así o recordou hoxe no Parlamento a deputada nacionalista, Olaia Fernández Dávila, quen pediu que se incrementen as medidas de control sanitario sobre a importación deste peixe procedente de Vietnam e China.

Ademais, dende o BNG aseguran que existen dúbidas sobre o cumprimento das inspeccións e alertan sobre a súa venda en establecementos "sen especificar a súa orixe e sen aclarar se se trata dun produto desconxelado que pertence á acuicultura e non ao sector extractivo".

Perigos do panga
Este último estudo de ANFACO recomenda que, dada a elevada contaminación que soportan os deltas dos ríos nos que se cría este peixe, "sería de interese determinar os contaminantes, como residuos de produtos veterinarios, antibióticos, verde malaquita, pesticidas e nitrofuranos" e, ademais, conclúe aconsellando "realizar análises de posíbeis contaminantes de xeito aleatorio nas partidas que se importan".

No mesmo sentido se manifestaron nos pasados meses patronais do sector acuícola como Apromar, quen alertou sobre o incremento da presenza do panga nos mercados (hoxe comercialízanse preto de 40 mil toneladas no Estado español) malia non conter cantidades significativas de aceites Omega 3 nin outros nutrientes esenciais que si están presentes noutros peixes máis tradicionais. Ademais, lamentaron que, mentres que as producións de cultivo teñen que cumprir con altas exixencias de calidade e seguridade alimentaria, non existe información suficiente para asegurar que eses mesmos controis se estean a realizar aos filetes de panga.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: