O PSdeG asegura que nos seguimos comportando mellor que a media española, o BNG advirte que as cifras xa se aproximan ás estatais e o PP vaticina a destrución de emprego para finais de ano.
Como xa vén sendo habitual, as estatísticas teñen diferentes interpretacións dependendo do cristal ou, neste caso, do partido de procedencia, do que partan as miradas. Dende o PSdeG, José Tomé Roca valorou os datos asegurando que "as nosas cifras amosan que en Galiza nos comportamos mellor ca media española e europea, tanto en termos mensuais como interanuais". Neste sentido, asegurou que "hoxe non negamos as dificultades do mercado de traballo, pero hai que nestas datas rematan moitos traballos relacionados coas actividades do verán".
Dende o BNG, o portavoz de emprego do grupo parlamentar, Fernando Blanco Parga, augura que as cifras do paro seguirán a aumentar e alerta que os datos xa se aproximan aos do Estado español. Cualifica de "especialmente preocupantes" o feito de que o 90% dos contratos rexistrados no mes de setembro fosen temporais. Como solución, propón "que se impulsen medidas que dean un novo pulo á economía produtiva do país, como as postas en marcha polo nacionalismo no goberno galego a través do Sistema Galego de Benestar ou o Plan Sectorial de Vivenda".
O PP é moito máis crítico e asegura que o incremento do paro revela que o "plus de resistencia" da economía galega "non existe máis que na imaxinación de Touriño e dos seus conselleiros". A súa voceira de traballo, Beatriz Mato, informou de que, cos datos sobre a mesa, estamos "lonxe de poder crear os máis de 20 mil postos de traballo prometidos pola Xunta para este exercicio, como reiterara o conselleiro a pasada semana no parlamento". Pola contra, o PP vaticina que o 2008 rematará en Galiza con destrución de emprego.