É a cifra necesaria, segundo a Unesco, para acadar unha ensinanza primaria universal. Só África require case catro millóns de docentes.
Este domingo celébrase o Día Internacional de Ensinantes, unha data que a UNESCO aproveita para chamar a atención sobre a necesidade de mestres no mundo. Até 18 millóns de profesores serán necesarios para poder acadar o terceiro Obxectivo de Desenvolvemento do Milenio (ODM), un listado de oito propósitos que os 191 países membros das Nacións Unidas acordaron conseguir para o 2015. Ademais, nesta xornada tamén se reitera a necesidade de elaborar políticas vencelladas co persoal do ensino, por ser o único xeito de garantir a contratación duradeira de profesionais ben cualificados, xa que a súa falta é un dos problemas fundamentais dos que alerta a organización da ONU.
As necesidades de docentes son especialmente agudas en África, onde sería necesario contar con 3,8 millóns de mestres para conseguir o ensino primario universal. Así, nalgúns países como Ruanda ou Mozambique, o déficit de profesores tradúcese na existencia de clases de até 60 alumnos, cando se considera imposíbel impartir unha ensinanza correcta en aulas con máis de 40 estudantes.
Formación insuficiente
Doutra banda, a UNESCO alerta sobre a pobre formación que reciben os mestres. Nos países en desenvolvemento é común atopar docentes que non recibiron ningunha educación superior e, na súa meirande parte, son profesionais mal cualificados, con salarios pouco atractivos, que traballan en aulas ateigadas e con contratos precarios.
No bo camiño
No seu último informe anual sobre educación, a organización da ONU destacou que o traballo feito até o de agora permitiu pasar de 647 millóns de alumnos en 1999 a 688 millóns en 2005. Ademais, este aumento foi notábel na África subsahariana (36%) e en Asia do Sur e do Oeste (22%). Porén, o documento constatou a persistencia de desigualdades profundas no acceso á educación, entre zonas urbanas e rurais, entre categorías sociais e entre sexos.