Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Ademáis dun canon, as concesións hidroeléctricas máis agresivas deberían ser rescatadas por razóns ambientais e de saúde pública

ADEGA denuncia o pésino estado do encoro do Umia e pide a súa demolición

A situación do río Umia augas arriba do encoro de Caldas está moi lonxe do bo estado ecolóxico e dos obxectivos que marca a Directiva Marco da Auga. As augas do encoro voltan estar turbias, tinguidas dun sospeitoso verde "fosforito" e desprenden um forte cheiro.

ADEGA - 12:55 02/10/2008

Logo da catástrofe da Brenntag, a administración fixo máis fincapé no tratamento dos problemas puntuais que ocasionou o vertido que nas causas de fondo que orixinan o crónico mal estado das súas augas: os vertidos de augas residuais sen depurar, xurros e puríns.

Hoxe e como cada final de verán, a calidade da auga de moitos encoros galegos empeora. No encoro do Umia, as augas dunha chamativa cor verde "fosforito" semellan estar fortemente eutrofizadas, sem vida animal e posiblemente contaminadas pola cianobacteria Microcystis. Esta microalga vólvese tóxica en medios estancados e augas eutrofizadas, polo que ADEGA insta á consellería a analizar con urxencia o vaso do encoro con vistas a declarar o estado de alerta por contaminación. Non esquenzamos que do Umia depende o subministro de auga para 8 concellos e unhas 100.000 persoas da comarca do Salnés.

Dende ADEGA entendemos que alén do impacto ambiental que provocou o encoro de Caldas, este segue sendo unha fonte de risco sanitario, polo que solicitamos que a Xunta inicie con urxencia un estudo de viabilidade para a demolición desta infraestrutura. Esta é ao noso xuízo unha medida imprescindíbel para a verdadeira recuperación integral do río Umia.

Descoñecemos se esta infraestrutura, concebida orixinariamente para a produción eléctrica, vai estar suxeita ao canon hidroeléctrico recentemente anunciado polo Sr. Touriño e que pretende compensar as agresións dos encoros sobre o medio. Mais hai numerosos casos de instalacións altamente agresivas, que como no Umia, son fonte continua de problemas sociais, e para as que a única compensación debería ser a demolición previo rescate/caducidade da concesión por parte da Xunta.

Cómo se pode poñer prezo á saúde da cidadanía do Salnés por estar sometida a periódicos episodios de augas contaminadas? Como se pode valorar a perda da fervenza do Xallas ou do val glaciar de Cenza actualmente aferrollados por senllos encoros? Cantos perxuízos sociais (despoboamento, mala calide de vida, expropiacións...) e económicos (cuantificábeis como lucro cesante en ingresos por turismo, hostalería, produtos locais...) causaron e seguirán a causar algúns encoros pola cobiza das eléctricas e a pasividade cando non a complicidade das administracións?


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: