A Plataforma Medioambiental de Corrubedo presenta hoxe, luns 22 de setembro de 2008, máis de 300 sinaturas recolleitas somentes nesa miúda pero orgullosa parroquia mareira, para apoiar a moción presentada polo BNG de Ribeira para declarar o cabo Corrubedo Espazo Natural de Interese Local.
Ás sinaturas acompaña un informe vai anexo feito por un biólogo independente que confirma que os valores naturais da Laxe Brava son dignos de conservación e deberían ser incluídos na rede Natura 200 lindante.
A dita moción será debatida no Pleno Municipal, e a Plataforma espera o apoio unánime de todos os grupos, pois estes xa declararon hai meses nun pleno extraordinario a súa oposición á instalación dunha macrofábrica de peixes no espazo virxe da Laxe Brava (O Corgo, Teira, Corrubedo).
A moción, presentada por Xosé Luís Groveiro, solicita: ³O Goberno Municipal solicitará da Consellería de Medio Ambiente a declaración de Espazo Natural de Interese Local para a franxa Costeira do Faro de Corrubedo a Punta Espiñeirido incluíndo o promontorio de Laxe Brava e o seu contorno. Este acordo conleva o compromiso do Concello para o cumprimento das condicións incluídas no decreto 124/2005 de 6 de Maio, nomeadamente o de elaborar o Plan de Conservación e de Uso Público deste espazo². De saír adiante esta, a redacción dun plan de conservación para a zona paralizaría o plan sectorial de acuicultura, segundo a Lei de Conservación galega.
A Plataforma insta aos grupos políticos con representación no Concello de Ribeira a facer fronte común fronte a esta aldraxe e a non dividirse perante calquera mecanismo que poida protexer dalgún xeito o único litoral aínda virxe do Concello.
Por outra banda, a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, apoia a presentación por parte do goberno municipal, co consenso de todos os grupos, dun contencioso-administrativo contra a Xunta de Galicia pola inclusión do proxecto de macrofábrica de peixes na Laxe Brava.