O presidente do país andino reivindicou a vitoria no referendo constitucional co que se ha aprobar a nova Carta Magna impulsada polo seu goberno.
Co 52 por cento dos votos escrutados, o "si" á nova constitución ecuatoriana, promovida polo goberno de Rafael Correa, leva unha sólida vantaxe do 65.2 por cento, segundo informou o Tribunal Supremo Electoral (TSE). O rexeite á Carta Magna, promovido pola oposición, chega, de momento, ao 27,02 por cento, mentres que o voto nulo chega ao sete por cento e o voto en branco ao 0,64 por cento.
Após coñecerse as primeiras enquisas a pé de urna (00:00, hora peninsular), que daban o 70 por cento dos votos favorábeis ao "si", o presidente de Ecuador, Rafael Correa (Alianza País), reivindicou unha vitoria que cualificou de "histórica".
"Sentamos as bases dun novo país"
"As estruturas vellas foron derrotadas" nas urnas, dixo o presidente ecuatoriano, Rafael Correa, ao tempo que recalcaba que "agora deberán render contas ante o pobo aqueles que mentiron e manipularon" para que a nova Carta Magna non fose aprobada. Así mesmo, Correa fixo un chamamento á unidade para que os que votaron "si" e os que votaron "non" traballen xuntos para levar adiante a revolución, "porque é un proceso de todo un pobo", acrecentou
"Cumprimos o mandato que nos deron o 26 de novembro de 2006 e agora sentamos as bases para un novo país", recalcou Correa desde Guaiaquil, ao coñecerse os primeiros escrutinios do referendo.
A nova Constitución de Ecuador (a vixésima na historia do país), que outorgará máis poder ao seu presidente para regular a economía, consta de 444 artigos e foi redactada por 130 asembleístas en Montecristi, co obxectivo que estabelecer un novo réxime político, xurídico e económico. Os críticos co goberno de Correa consideran que con este novo texto o presidente do país obtería demasiado control sobre a selva Amazónica e os Andes.
Os opositores, "abertos ao diálogo"
Ao coñecerse as primeiras valoracións do referendo, o alcalde de Guayaquil, Jaime Nebot, cabeza visíbel da oposición en Ecuador, dixo respectar o "triunfo" do "si" e declarouse aberto ao diálogo con Rafael Correa, a quen describiu como "home civilizado".
Porén, recalcou que el non está en "oposición a Correa", senón ao que o presidente de Ecuador chama "Socialismo do século XXI", e acrecentou que o "realmente importante" agora é que vai acontecer no país após triunfo do "si".