Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nacións Unidas pola crise

Enésima achega monetaria para os cada vez máis remotos 'Obxectivos do Milenio'

Na terceira xornada da Asemblea Xeral, Macedonia mostrouse disposto a un acordo con Grecia, e o presidente español propuxo unha moratoria para a pena de morte.

F. A. - 18:00 26/09/2008
Ban Ki-Moon recolle unha candea que representa os Obxectivos do Milenio

Ban Ki-Moon recolle unha candea que representa os Obxectivos do Milenio

Varios gobernos, fundacións, corporacións e organizacións civís comprometéronse, máis unha vez, a achegar unha cantidade económica -desta volta 16 mil millóns de dólares (perto de 11 mil millóns de euros)- co fin de avanzar na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, fixados para 2015.

No entanto, os compromisos adquiridos en anos anteriores dende que se estabeleceran por vez primeira no ano 2000 están a ser incumpridos, e a meta última cada vez máis afastada. Na xuntanza desta quinta feira, convocada polo secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, participaron un cento de líderes de todo o mundo que analizaron en diversas mesas redondas os progresos 'realizados'.

"Está claro que tivemos éxito, máis do previsto", sinalou Ban Ki-Moon na clausura. "Hoxe fortaleceuse a alianza global para o desenvolvemento. Tivemos unha gran resposta, mais debemos acelerar a axuda, debemos facer máis esforzos", engadiu.

Por outra banda, na terceira xornada da Asemblea Xeral da ONU, a crise financeira e alimentaria volveron ser temas de debate xunto con outros asuntos de carácter máis local.

Branko Crvenkovski, presidente de Macedonia
O presidente da ex República iugoslava de Macedonia afirmou que o seu país está disposto a chegar a "un compromiso xusto" na disputa que mantén con Grecia polo nome oficial, sempre e cando non negue a súa identidade nacional e cultural.

Fradique de Menezes, presidente de São Tomé e Príncipe

Menezes afirmou que o país rexistrou algúns avances no cumprimento dos Obxectivos do Milenio, e pediu unha acción máis intensa contra os efectos do quecemento global, que están a ameazar o arquipélago. Ademais, sinalou que coa axuda do Brasil, o país africano conseguiu vencer na luita contra a sida.

Yalal Talabani, presidente iraquí
"Iraq xa non é unha ameaza para a paz e a seguridade internacional", afirmou Talabani, que informou a Asemblea de que para fins de ano, o seu goberno quere asumir en todo o país a responsabilidade da seguridade, xa que esta, dixo, mellorou de forma persistente. Tamén, indicou que o diálogo nacional está avanzando e que melloraron as relacións cos países veciños.

João Bernardo Vieira, presidente de Guiné-Bissau
João Bernardo Vieira Nino salientou os efectos tan negativos que a suba do prezo do petróleo provocou nos países pobres como o seu. "Como podemos investir na mellora das nosas infraestruturas en áreas vitais como a saúde, a educación e o agro se temos que gastar unha gran parte dos nosos xa limitados recursos económicos en comprar combustíbel?", cuestionou.

José Ramos Horta, presidente de Timor-Leste

As tentativas fracasadas de asasinato dos líderes do país "traumatizaron a nación" e "serviron para o pobo en contra da violencia", afirmou Ramos Horta. O período posterior aos ataques "foi o máis pacífico en moitos anos e a criminalidade viuse significativamente reducida", engadiu.

Robert Mugabe, presidente de Cimbabue

Mugabe pediu o levantamento das sancións impostas por varias potencias occidentais sobre o país, que cualificou de "ilegais", e que "obstaculizaron os esforzos de Cimbabue para aumentar a produción de alimentos". Tamén, expresou o seu respecto ao acordo no reparto do poder asinado o 15 de setembro.

Asif Ali Zardari, presidente de Paquistán

O novo presidente de Paquistán afirmou que o seu país non pode tolerar que o seu territorio "sexa violado polos nosos amigos", nunha referencia aos ataques de Estados Unidos contra resistentes afgáns en territorio paquistaní. Zardari dixo que o seu pobo "se pregunta se estamos sós" na loita contra os extremismos.

José Luís Rodríguez Zapatero, presidente do goberno español
O dirixente español, respecto da crise económica mundial, instou o resto de membros da Asemblea a construír unha nova orde financeira que impoña máis supervisión e protexa os mercados dos seus propios excesos, e criticou a "cobiza especulativa" que nace da desregulamentación. Ademais, propuxo converter o 2015 no ano dunha moratoria universal á pena de morte, como primeiro paso para conseguir a súa abolición.

Taro Aso, primeiro ministro xaponés

O recentemente designado primeiro ministro xaponés afirmou que o seu país cumprirá coas súas responsabilidades, reforzando a súa propia economía para axudar a expandir o crecemento. "Considerando o tamaño da economía xaponesa, a segunda do mundo, sen dúbidas iso é a contribución máis efectiva en termos inmediatos que Xapón pode facer", sinalou.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: