14 discapacitados conforman todo o cadro de persoal desta planta de tratamento medioambiental de vehículos.
Revisar todos os recambios, dende o punto de vista medio ambiental, antes de comercializalos é unha obriga dende que en 2002 entrase en vigor unha normativa europea. En Trameve, unha planta de tratamento de vehículos de Santiago de Compostela, aproveitaron a ocasión para poñer en marcha unha iniciativa empresarial innovadora. Dedícanse ao desmantelamento ecolóxico de automóbiles coa finalidade de vender pezas de ocasión. Até aquí, todo normal. A particularidade deste proxecto é que, agás o seu xerente, todos os traballadores sofren algunha discapacidade: é un Centro Especial de Emprego pertencente ao Grupo COGAMI.
O cadro de persoal está conformado por 14 traballadores, que realizan todo o proceso: dende a recepción dos vehículos, até a venda de recambios, pasando pola administración, a descontaminación dos vehículos, a súa desmontaxe, reciclaxe de compoñentes ou almacenamento de recambios.
Situada no Polígono do Tambre, a planta de Trameve converteuse xa nunha referencia no sector. Conseguiu a máxima puntuación na Avaliación de Comportamento Medio Ambiental das Instalacións de Vehículos ao Final da súa Vida Útil, desenvolvido pola Consellaría de Medio Ambiente. Foi a única empresa cualificada cun 10 de entre as 96 de todo o territorio galego, mentres que a maioría non superaron a puntuación de cinco. Ademais, Trameve obtivo no 2005 a certificación ISO – 9001 de xestión empresarial de calidade.
Inserción laboral
A incorporación ao mercado de traballo das persoas con discapacidade é un dos obxectivos de COGAMI, que na actualidade conta cun modelo de traballo, o Servizo de Intermediación Laboral (SIL), que se utiliza como exemplo noutros países. Asociado ao Servizo Galego de Colocación, a cifra de persoas con discapacidade que atoparon un posto de traballo súa axuda en 2007 ascendeu a 2.924, das que 2.634 se colocaron en empresas ordinarias e as 590 restantes en Centros Especiais de Emprego, como o de Trameve.
Ademais da incorporación ao mercado laboral, para a que os traballadores desta planta de reciclaxe de vehículos nos confesan atopar grandes dificultades, COGAMI tamén organiza diferentes ciclos formativos: no 2007 formáronse un total de 1.679 persoas con discapacidade en Galiza. Con todo, dende esta organización consideran que para acadar a verdadeira normalización da diversidade é fundamental a mobilización dos máis diversos sectores da sociedade: o obxectivo é que as persoas con discapacidade atopen traballo na empresa ordinaria, mentres que os Centros Especiais de Emprego, coma este, deberían ser só unha alternativa máis para conseguir experiencia e a capacitación necesaria para transitar á empresa ordinaria.