O seu presidente, Gerardo Díaz Ferrán, asegurou este xoves en Compostela que é prioritario "flexibilizar" o mercado laboral.
A principal organización do empresariado español, a CEOE, destapou as cartas que quere xogar nestes momentos de crise. O seu presidente, Gerardo Díaz Ferrán, asegura que hai dúas “receitas” básicas para combater a crise económica. Por un lado falou abertamente da necesidade de abaratar os despedimento dos traballadores e polo outro da “flexibilización” do mercado laboral. Na actualidade as indemnizacións por despedimento varían entre os 20 e 45 días por ano traballado (segundo a procedencia ou improcedencia da rescisión).
Díaz Ferrán fixo estas declaracións este xoves no marco do XII Congreso Estatal de Empresarios de Transportes, que se celebra en Compostela, e ao que acudiu tamén o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.