Matarile Teatro e o Igaem producen a obra de Ana Vallés, que estará no Salón Teatro compostelán entre o 25 e o 28 de setembro.
A estrea no país da obra de Matarile Teatro abrirá, ademais, a tempada de outono no Salón Teatro, onde se poderá ver os días 25, 26, 27 e 28 de setembro. A montaxe, que carece de estrutura narrativa, xira arredor da empatía e do equilibrio entre o instinto animal que toda persoa leva dentro e o mundo artificial e normalizado no que lle toca vivir. Para explicar o argumento da súa última creación, Ana Vallés utiliza palabras de Coetzee: "hai xente que ten a capacidade de imaxinarse como outra persoa e hai xente que non a ten (cando esa carencia é extrema, chamámolos psicópatas). E hai xente que ten esa capacidade pero decide non poñela en práctica".
O espectáculo é posto en escena por un elenco heteroxéneo integrado por un músico que toca a tuba, Hugo Portas (Galiza), un contratenor Ramón Vázquez (Galiza) e sete actores e bailaríns: Helen Bertels (Alemaña), José Campanari (Arxentina), Mónica García (Asturias), Mauricio González (Canarias), Iván Marcos (Galiza), Ricardo Santana (Madrid) e a propia Ana Vallés (Galiza).
A obra representouse por primeira vez o pasado mes de febreiro no Festival de Teatro de Málaga, que participou na produción, xunto ao antigo IGAEM e o Teatro Fernán Gómez-Centro de Arte de Madrid. Despois realizou unha xira por Murcia, Castela-León, Castela-A Mancha, Madrid e Portugal.
Matarile
Matarile Teatro é un dos grupos de teatro galegos máis premiados e con maior proxección exterior, dende a súa creación en 1986. Entre os recoñecementos recibidos polas súas montaxes atópanse o Premio do Público na Feira do Teatro de Galicia 2005 ao Mellor Espectáculo, Premio ao Espectáculo máis Orixinal e Innovador do XI Festival Internacional de Teatro e Artes de Rúa de Valladolid ou o Premio María Casares á Mellor Dirección do Teatro Galego.