O colectivo da comarca do Condado estima que cinco mil persoas foron asasinadas en Galiza nos tres anos da Guerra Civil.
Anxo Rodríguez, voceiro da Comisión pola Memoria Histórica de Ponteareas, sinalou que entre 1936 e 1950 puido haber sete mil mortos en Galiza por mor da represión franquista. Segundo estes mesmos datos, arredor de cinco mil terían sido asasinados durante a Guerra Civil. Rodríguez basea esta cifras na documentación conxunta da Plataforma de Vítimas de Desaparicións Forzadas, da que forma parte o colectivo ponteareán.
Rodríguez sinalou nunha conferencia de prensa que vai entregar os datos da comarca do Condado, pero tamén da cidade da Coruña, neste caso grazas á colaboración da Comisión pola Memoria Histórica desta cidade, ao xuiz Baltasar Garzón. Entre o material tamén se atopan documentos audiovisuais das exhumacións que se fixeron en Ponteareas.
O colectivo de Ponteareas sinala que tamén asumirá a investigación impulsada pola Consellaría de Cultura, que cifra en 3.558 as vítimas mortais entre 1936 e 1939. Porén, Rodríguez considerou que as 26 foxas comúns que estima a Xunta pode ser unha cifra baixa e que o número total pode ser moito maior.
Pola súa parte, o voceiro de Amnistía Internacional en Galicia, Alberto Estévez, criticou que nove meses despois da aprobación da Lei da Memoria Histórica, “aínda non se elaborasen os regulamentos para a creación dun mapa de foxas e para a posta en marcha dun protocolo para a exhumación dos corpos”,