Galiza era unha das poucas comunidades que non contaban con esta lexislación, debatida durante meses cos profesionais e institucións implicadas.
O obxectivo da lei, cuxo anteproxecto foi aprobado no Consello da Xunta deste xoves, é ordenar o sistema de arquivos de Galiza, mellorar a transparencia, adaptar os arquivos ás novas tecnoloxías e difundir o patrimonio documental galego. Galiza é unha das poucas comunidades autónomas que aínda non conta cunha lei propia para regular os arquivos e o patrimonio documental. Por este motivo a aprobación desta norma era unha reclamación moi demandada polos profesionais das bibliotecas e arquivos do país.
O panorama arquivístico galego actual amosa ademais unha serie de problemas relacionados coa falta de articulación entre a administración e os arquivos, a insuficiencia de persoal e a inexistencia dun modelo uniforme de xestión arquivística, aspectos todos que fan urxente a aprobación dunha lei propia. A Lei de Arquivos que se aprobará en breve buscará poñer as bases para a solución destes problemas. Foron máis de dous anos de traballos e debates entre as distintas administracións e actores implicados, entre eles a Asociación de Bibliotecarios de Galicia (AGABAD), con quen a Consellaría traballou os distintos borradores do anteproxecto.
Un dos obxectivos concretos que se persegue é crear un verdadeiro sistema de arquivos no país, que aproveite as sinerxías de traballar en conxunto e facilite o seu labor a profesionais, documentalistas, investigadores e cidadáns. O Sistema de Arquivos de Galiza estará integrado, segundo o anteproxecto, por todos os arquivos públicos do país e aqueles privados que o desexen. Este sistema estará encabezado por un órgano administrativo de dirección e coordinación, dentro da Consellaría de Cultura. Contará con dous órganos asesores: o Consello de Arquivos de Galiza e a Comisión Nacional de Avaliación Documental de Galiza. A regulación da lei afectará tamén aos arquivos de titularidade estatal que teñen transferida a súa xestión á Xunta, por seren parte esencial do sistema galego de arquivos.
A Igrexa Católica terá que colaborar na difusión do patrimonio documental
Finalmente, o anteproxecto desenvolve medidas específicas destinadas a fomentar e difundir o patrimonio documental galego. Nestas medidas faise especial fincapé nas obrigas de conservación e acceso do patrimonio documental en mans privadas, e establécese unha obriga de colaboración da Igrexa Católica respecto do patrimonio documental galego do que sexa depositaria en Galiza.