Pladimega é a única organización (maioritaria) que acode á xuntanza de urxencia convocada pola Consellaría de Pesca cos representantes do sector.
Un mexilloeiro permanece ingresado na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) por mor dos enfrontamentos rexistrados entre produtores e forzas de seguridade en Arousa. Neste mesmo suceso resultaron feridos catro axentes da garda civil e unha decena de manifestantes, que trataron de impedir a descarga do mexillón con destino aos cocedoiros.
Quinta xuntanza
Mentres, os representantes do sector están citados a unha xuntanza de urxencia nas dependencias da Xunta, en Santiago. A Consellaría de Pesca convocou a quinta xuntanza entre os produtores, esta de urxencia, para mediar no conflito, malia que o luns aseguraba que non interviría a non ser que houbese unha disposición para o acordo. Non obstante, só acudiu a Plataforma de Distribución do Mexillón (Pladimega), convocante do paro, mentres que non se presentaron a Federación Arousa Norte, a Asociación Virxe do Rosario nin Conde Udra.
Dende Virxe do Rosario xa se adiantara nos pasados días que non se volverían sentar nunha mesa con organizacións "que exercen o terrorismo", en referencia á colocación o pasado domingo de artefactos explosivos no porto de Vilanova. Pola súa parte, Pladimega amosouse disposto a falar coas outras organizacións, pero non con esta, precisamente por lles chamar terroristas. Con todo, o conflito continúa a enquistarse dende que o pasado martes dese comezo o paro indefinido, que afecta xa ao 80% da produción. A razón que esgrime Pladimega para manter a folga é a exixencia de que a repartición de vendas sexa equitativa coas bateas de cada colectivo.
Os enfrontamentos entre antidisturbios e os 500 produtores que bloquearon a entrada ao peirao de Vilanova non impediron na xornada de onte a saída de 200 toneladas de mexillón en nove camións escoltados pola Garda Civil e a Policía Nacional. Tamén no día de hoxe un cocedoiro de marisco confirmou que recibirá cargamento do molusco, polo que a subdelegación do goberno español en Pontevedra xa adiantou que os corpos de seguridade volverán vixiar o tramo polo que circularán os camións.