Segundo o sindicato, Extraco pode estar buscando vinganza no elo máis feble da cadea de traballadores, pola época de tensións e conflitos laborais vivida hai meses.
Os traballadores de Extraco, unha empresa ourensá que realiza as obras de conservación das estradas do sur de Pontevedra por encarga da delegación provincial de Política Territorial, están en folga dende o 10 de setembro ante o incumprimento, por parte da compañía, dun pacto acadado logo dun longo conflito.
En virtude deste acordo, a empregada que realiza as tarefas administrativas tería xornada continuada de 8 a 16 horas para poder levar ao seu fillo pequeno á gardería (a xornada que viña cumprindo era de 7,30 a 15,30). Esta traballadora puido cumprir o novo horario axeitado á súa nova situación familiar durante dúas semanas, logo das cales a empresa exixiu que voltase ao seu horario anterior.
A CIG denuncia a actitude indolente que amosa a delegación provincial da Consellaría de Política Territorial ante a situación. Consideran que a administración pública debe mirar por que as empresas adxudicatarias non só ofrezan presupostos axustados, senón que cumpran coas súas responsabilidades sociais, posto que vulnera a Lei 39/1999, do 5 de novembro(.pdf) que recoñece o dereito das persoas traballadoras a conciliaren a súa vida laboral e a persoal. Ademais, Extraco chegara a un acordo legal coa administrativa que agora incumpre.
A este pacto chegouse logo dunha tempada moi conflitiva no seo da empresa. Marzo de 2008 foi unha época convulsa en Extraco, xa que foi cando todos os traballadores mantiveron folgas por diversos temas laborais (salarios, quendas, horarios...) e houbo desencontros coa directiva, que chegaron á súa fin coa adopción dunha serie de medidas por parte da empresa, onde figuraba, entre outros, o pacto de flexibilización de horario para esta traballadora.
Represalias por parte da empresa
Dende CIG, Alberto Fernández Campo, responsábel comarcal da construción, adiantoulle a Vieiros que a " actitude reaccionaria da empresa" non responde a ningún criterio de produtividade e que podería tratarse, con moita probabilidade, dunha "vinganza polas demandas sindicais de marzo contra o elo máis feble da cadea de traballadores, posto que é a única que está nunha situación de necesidade inmediata".
O sindicato confirma que a Consellaría de Traballo está en contacto coa empresa, mais esta permanece inmóbil na súa postura, "nunha actitude claramente persecutoria, que busca rematar coa renuncia da agraviada ao seu posto de traballo".
Ao remate da concentración, que convocou o sindicato para o martes 16, diante do edificio da Xunta en Vigo, responsábeis do sindicato confirmaban que a situación continua estancada e sen resposta por parte da Consellaría de Política Territorial nin da empresa.