O acto de lanzamento terá lugar en Nova York e despois chegará ás tendas de todo o mundo.
O móbil de Google, o primeiro teléfono que use a plataforma Android, sairá á venda o 23 de setembro. Chegará a través da compañía T-Mobile nos EUA, e máis concretamente en Nova York. Aínda que xa se especulaba sobre a data, ao final foi o xefe da división de móbiles de Google, Andy Rubin, quen confirmou a nova.
A compañía telefónica, tamén coñecida por patentar a cor maxenta, fará un lanzamento simbólico, que pode supoñer unha revolución na internet sen fíos para teléfonos móbiles, máis aínda ca o que supuxo o iPhone de Apple. Para finais de setembro espérase o lanzamento mundial do aparato. En Google hai bastante nerviosismo sobre se o móbil terá ou non unha boa acollida no mercado.