O corredor do Xacobeo, David García, esprintou a Avenida da Liberdade de Ponferrada e atravesou só a liña de meta. Xa o dicía Pino, "os pobres tamén podemos facer dano".
Foi o seu día. Facía exactamente 19 anos que un galego non gañaba unha etapa da 'Vuelta a España', dende a entrada triunfante de Álvaro Pino en 1989 (tres anos antes gañara a rolda). Esta segunda feira, a poucos minutos das 18:00 horas, o corredor de Marín, David García Dapena, do Xacobeo Galicia (que, precisamente, dirixe Pino), percorreu a gran velocidade a Avenida da Liberdade, na capital do Bierzo, e entrou só na meta gañando a 15ª etapa da rolda estatal.
Os seus perseguidores, Nuyens de segundo e Garate de terceiro, entraron 17 segundos despois. David García arriscouse, atacou a tres quilómetros da meta e fixo dano.
O de Marín acadou, con este triunfo, os seus dous obxectivos nesta 'Vuelta', que, segundo dixo eran "gañar unha etapa e meterme entre os 15 primeiros. Hoxe tiña a total convicción de que podía gañar, a sorte acompañoume... e a forza tamén", declaroulles, a pé de meta, aos enviados da Radio Galega. Xa o dicía este domingo o anoxado director deportivo do XGZ, Álvaro Pino, cando os Astana Contador e Leipheimer eran pouco agradecidos con Ezequiel Mosquera: "os pobres tamén podemos facer dano".
É un dos triunfos máis importantes do ano para un corredor que tamén gañou a Volta a Turquía, despois de ser terceiro no Gran Premio de Istambul, en abril deste ano. Esta vitoria fíxolle subir da 20ª á 13ª posición na clasificación xeral. Porén, o seu equipo, que até este domingo era cuarto, por detrás do Astana, o Caisse D'Epargne e o Euskaltel-Euskadi, está agora de quinto, xa que se lle meteu diante o CSC.