Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ADEGA DENUNCIA QUE SE TRATA DUN ESPAZO PROTEXIDO

A polémica urbanización da Frouxeira, en Valdoviño, seguirá adiante

O Concello aprobou a continuidade do proxecto de construción de 69 chalés e un hotel a poucos metros da costa lindando cun espazo protexido e un castro.

Marcos S. Pérez - 14:00 16/09/2008

A parcela na que 'Construcciones Gallegas, S.A.' pretende construír a polémica urbanización inclúese na súa totalidade no LIC Costa Ártabra, parte da Rede Natura 2000. Diversos grupos medioambientais, encabezados por Adega, desenvolveron nos últimos meses diversas accións diante da administración local e galega para procurar a paralización do proxecto. O terreo linda con zonas Zepa (Zona de especial protección para as aves ) e Ramsar (convención internacional que protexe os humedais) e ademais sitúase a escasos metros do castro da Frouxeira.

Este luns o pleno do Concello de Valdoviño debateu a legalidade do proxecto, a instancias do grupo municipal do BNG. O grupo de goberno do Concello, gobernado por Terra Galega, asegurou a continuidade dos traballos, malia ás críticas. En realidade, tanto a Dirección Xeral de Urbanismo da Consellaría de Política Territorial como o Concello de Valdoviño coinciden en que a obra "non se podería facer hoxendía", pero que debido a que obtivo autorización antes da aprobación da lei de protección do litoralm "atópase dentro da legalidade". En concreto, o edil de Urbanismo, Gonzalo Doce, afirmou no pleno que ao día seguinte de presentar o BNG a denuncia, "reunímonos co equipo técnico para saber se había algunha cuestión que obrigase a paralizar a obra e dixéronnos que non".

Adega denuncia que en ningún momento puido acceder a esa documentación que constitúe a base da argumentación do Concello e da construtora. Adega esixiulle en varias ocasións á Consellaría de Medio Ambiente que levase a cabo estudos de impacto ambiental e que realizase a preceptiva consulta perante a Unión Europea, á que segundo a organización ambientalista, a administración galega está obrigada, debido ao carácter protexido do espazo. Medio Ambiente aduciu que a parcela se atopa incluída na súa totalidade "nun ámbito de características urbanas". Porén, Adega afirma que a cualificación do chan é de 'rústico especialmente protexido de interese patrimonial', debido á existencia no seu interior dos restos castrexos, polo que en aplicación da Lei 9/2002 (de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galiza), están tamén especialmente prohibidos os usos residenciais e industriais. Esta área de protección está fixada nas Normas Complementarias e Subsidiarias provinciais nun mínimo de 200m de radio.

Nos últimos meses Adega denunciou que a licenza para o proxecto de urbanización (aprobado en 2003) tiña un prazo de execución das obras dun ano, e xa que logo, cumpría tramitar novamente a documentación urbanística. Malia a carecer desta autorización, a construtora escavou unhas fondas gabias no espazo dunar, o que foi cualificado por Adega como "outro exemplo máis da estratexia de feitos consumados" que se vén realizando en distintos espazos protexidos do país coa intención de explotalos economicamente.

Nas vindeiras semanas o BNG levará o caso aos tribunais, presentando un recurso contencioso-administrativo. Con todo, este tipo de medida non asegura a paralización das obras e mesmo se a protesta tivese éxito, a resolución podería tardar varios anos.


4,91/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: