No concello de Valdoviño, e ubicado ao final da punta dereita da praia da Frouxeira temos o entorno da Saiña, onde se está iniciando a construcción dunha urbanización á beira do mar para un total de 69 vivendas unifamiliares e un hotel, promovido por CONSTRUCCIONES RIAS GALLEGAS, S.A. e asumido pola administración local e autonómica
A parcela obxecto do interese urbanístico ubícase lindando con zona Ramsar e zona Zepa, integrada na súa totalidade no LIC Costa Ártabra ES110002 e, xa que logo, incluída na Rede Natura 2000. A existencia de hábitats catalogados como prioritarios (recoñecido pola administración galega) implica que "só para fins relacionados coa saúde humana e a seguridade pública se podan executar alteracións do contorno, ou por imperioso interese público logo de consultar á Comisión Europea" (Directiva 92/43/CEE, relativa á protección dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestres e Real Decreto 1997/1995). Esta consulta á Comisión Europea non se executou. Demandamos, maís unha vez, que a Consellaría de M.A. exerza as súas responsabilidades e poña fin a este despropósito.
Polo feito de lindar con zonas Zepa e Ramsar cómpre avaliar o impacto ambiental que tal concentración humana produciría. Esta necesidade foi recoñecida pola propia Consellaría de M.A. máis posteriormente anulouna cun suprendente informe no que asume consideracións como esta: "se puede observar su total inclusión en un ámbito de características urbanas; tanto por la edificación de la práctica totalidad de las parcelas próximas, como por su disposición rodeándola totalmente". Unha simple ollada á parcela permite desbotar totalmente este argumento.
Exiten actualmente na parcela unhas enormes gabias (denunciadas por Adega xa en agosto do 2006) que non se poden corresponder co permiso dado desde o concello para obras de urbanización. Como non foran autorizadas, a Consellaría de Política Territorial ten que obrigar a repoñer a parcela ás súas anteriores características sen admitir que as pretendan facer pasar por un posterior estudo arqueolóxico de dimensións desproporcionadas (até 84 m). Asemade, a licencia para o proxecto de urbanización (U.A. 2 na Saiña - Valdoviño), ten un prazo de execución das obras por un periodo de 1 ano, como estabelece no seu apartado 5 o informe favorábel asinado polo arquitecto municipal o 01/08/2003. Xa que logo, cómpre tramitar novamente a documentación urbanística, o cal se podería facer através da presentación dun Plano Especial, a aprobar pola Xunta, en cumprimento da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do meio rural de Galiza, se a parcela estivese catalogada como urbana consolidada, cuestión esta que non cumpre por ser urbana non consolidada. A Consellaría de Política Territorial ten que asumir as súas competencias e facer cumprir a lei.
A mesma clasificación da parcela como urbana é contraria á Lei 9/2002, xa que no seu artigo 12 estabelece a necesidade de integración na malla urbana para esta clasificación. Calquera persoa pode corroborar por fotografía aerea ou visitando o entorno a total ausencia desta característica xa que era un entorno natural non degradado até a chegada de CONSTRUCCIONES RIAS GALLEGAS, S.A. Cómpre por tanto que a Consellaría de Política Territorial elimine a declaración como solo urbano das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia da Coruña por ser manifestamente ilegal.