Durante dúas semanas, a cidade encherase de exposicións, obradoiros, actuacións de música e danza, e conferencias.
Baldo Ramos xoga nun espazo intermedio entre a poesía e as artes visuais, entre as palabras e a imaxe. Nas súas obras (Signos de cinza, As follas da memoria, Frontera sur, Ut pictura poesis... ) unhas e outras dialogan entre si, compoñendo a mensaxe final. Este xoves 11 de setembro inaugurou os 'xoves de conversa' de Outonarte, cunha charla-coloquio titulada 'Libros de poesía para ver'.
A súa proposta segue sorprendendo, non tanto polo formato de texto con imaxes, un traballo non que con frecuencia adoitan colaborar poetas e debuxantes, senón polo feito de que el mesmo se ocupe de ambas as dúas cousas. "Empecei a escribir moi novo, e pasaron moitos anos, 12 anos, até que me decidín a publicar algo", di Baldo Ramos, "e ao comezo distribuía estes textos entre os meus amigos, estes textos autografábaos, e decateime de que a miña escrita, que é moi estilizada, funcionaba como obra".
Nos últimos tempos Baldo Ramos está levando máis aló a combinación de texto e imaxe, levando as súas obras a formatos meirandes, duns dous metros, inseridos en urnas, e pendurados do teito cunhas cordas. Obxectos escultóricos máis ca libros. Este tipo de obras son as que se poderán ver estes días no Palexco, na Coruña. A poesía e a pintura de Ramos dialogan sen conflitos entre si e coa realidade, interpretándoa e reflectíndoa dende unha posición abstracta, como necesariamente abstractos son os trazos da caligrafía, que serve como nexo entre a palabra e a imaxe.
Hai uns meses Baldo Ramos, nacido en Celanova, completou un novo reto: ilustrar poemas nunha obra dirixida ao público infantil. A Antoloxía de Celso Emilio Ferreiro editada por Faktoría K na súa colección '13 lúas' foi un "reto gratificante" que lle devolveu á obra de Ramos o "colorismo" que posuían algúns dos seus primeiros traballos. Ese uso tan intenso da cor e das formas simples foi "unha chiscadela a Miró, autor co que Celso Emilio mantiña unha relación persoal moi próxima". Para final de ano Baldo Ramos prepara unha nova obra, o poemario Palimsesto, que será editado por Sotelo Branco na súa colección 'Edoy Leliadoura'.
Outonarte, dúas semanas de intensa actividade
Outonarte son exposicións de artes visuais, dende a videocreación á pintura pasando pola escultura,.a fotografía e a banda deseñada. Están distribuídas por catro espazos da cidade (a Sala de Exposicións Salvador de Madariaga de Durán Loriga, a Sala de Exposicións do Pazo do Concello, o Palexco e a propia rúa), que acollerán as obras dun total de 28 creadores.
Ademais, entre o 11 e o 27 de setembro, a cidade encherase de concertos, obradoiros artísticos, obradoiros sonoros, conferencias e mesmo un 'roteiro tabernario', no que unha conferencia de Antón Patiño e Xurxo Souto sobre Lugrís será continuada por un percorrido por aqueles lugares da Coruña onde o artista deixou a súa pegada.