Os veciños poderán beneficiarse de balde deste servizo que eliminará as pintadas das fachadas e se encargará do mantemento das estruturas.
A limpeza dos graffitis dos edificios xa non correrá da man dos propietarios na cidade de Vigo. O Consorcio do Casco Vello, participado nun 90% pola Consellería de Vivenda e Solo e nun 10% polo Concello de Vigo, vén de adxudicar esta actividade. A empresa Clinarte S.L. encargarase dun elaborado "Programa de Limpeza de Graffitis", un plan que se marca o obxectivo de erradicar as pintadas das fachadas viguesas.
Os veciños que desexen acollerse a este programa terán que presentar a documentación pertinente (solicitude, DNI, copia do rexistro e recibo do catastro) e, a cambio, esta empresa encargarase da limpeza integral dos seus edificios. Ademais de eliminar as pintadas, asumirán o mantemento das estruturas para que os efectos dos graffitis se poidan paliar inmediatamente.
O orzamento previsto ascende ata os 50 mil euros e o Consorcio do Casco Vello proponse obter beneficios inmediatos tanto na calidade de vida dos vigueses, como sobre o comercio e o turismo. Ademais, unha vez posta en práctica a medida, non se descartan medidas sancionadoras para os propietarios que descoiden os seus edificios.