Máis de 190 mil nenos e nenas de Educación Infantil, Primaria e Especial inician esta quinta feira o ano escolar 2008-09.
Un total de 191.565 crianzas de Educación Infantil, Primaria e Especial comezan esta quinta feira o curso escolar 2008-09, un 1,58% máis ca o anterior, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Educación.
O sistema educativo público segue a ser o maioritario no noso país: o 68,35% do alumnado, 130.939 nenos e nenas, estudarán en centros públicos; 56.167 (29,32%) farano en concertados e 4.469, o 2,33%, en privados.
Estes deberán repartirse entre os 929 colexios públicos (141 crianzas de media por escola), 209 privados concertados (209 crianzas) e 33 privados (135) que existen, en total, 1.174 centros educativos en todo o país.
Novidades e conflitos
A consellaría salientou o investimento de arredor de 57 millóns de euros realizado en obras de mellora ou de construción de novos inmóbeis en 169 colexios. Tamén resalta como novidades a avaliación de diagnóstico en Matemáticas, Lingua galega e Lingua española para os alumnos que rematan o segundo ciclo de Primaria e 2º da ESO.
Por outra banda, sindicatos educativos e asociacións manteñen diferenzas co departamento que dirixe Laura Sánchez Piñón en diversos asuntos, como por exemplo respecto ao servizo que se presta en comedores escolares (387 xestionados por Educación e 157 polas Asociacións de Nais e Pais de Alumnos), aos horarios e ao número e composición dos equipos docentes.