Este xoves desenvólvese no Verbum de Vigo a primeira mesa redonda complementaria á exposición Do Gaudeamus igitur ao Venceremos nós.
Ricardo Gurriarán
O historiador Ricardo Gurriarán é o comisario da exposición Do Gaudeamus igitur ao Venceremos nós, que se está a ver até o 28 de setembro no museo Verbum Casa das palabras, en Vigo. A mostra, sobre as mobilizacións estudantís de 1968 en Compostela, estará complementada con dúas mesas redondas, os xoves 11 e 18 de setembro, e por visitas guiadas a centros escolares do 23 ao 26.
Que levou aos movementos estudantís do 68 en Compostela?
Foi un fenómeno mundial, de emancipación da xuventude. En Compostela tivo uns caracteres propios. O referente é o maio francés. Aquí os movementos estudantís tiveron un contexto diferente, de falta de democracia, un marco de loita por conquistar liberdades públicas que a ditadura limitaba. Esta explosión de desexos democráticos ten unhas partes propias na USC que responden a un desexo emancipador, pero aquí adiantouse a outras universidades do planeta e tivo peculiaridades: folga, represión importante, mobilizacións que se inscribiron dentro das loitas democráticas da etapa don franquismo. Noutras universidades do país houbo movementos para librarse do SEU. Aquí convocouse unitariamente. Sectores como galeguistas, comunistas, movementos cristiáns, aunaron esforzos por conquerir espazos de liberdade.
A diferenza doutras universidades españolas, con apoio do profesorado comprometido, en Santiago os estudantes estiveron sós. Chegaron algúns profesores novos que colaboraron en varias mesas redondas, pero a norma xeral foron as actitudes colaboracionistas co réxime para pechar locais, suprimir actos, denunciar representantes das facultades... Xeraron unha dinámica de acción-reacción na que os estudantes levaron a mellor parte. Conseguiron a destitución dun decano, dun ministro de educación... O máis importante foi o xermolo dunha actitude de compromiso dunha boa parte dos seis mil estudantes da Universidade. Esa participación materializouse nun laboratorio de ideas onde artes, letras, política... Houbo un antes e un despois.
A Fundación 10 de marzo de recuperación da memoria histórica veu oportuno poñer de manifesto a importancia que tiveron estas manifestacións como un elo da resistencia antifranquista. Aproveitamos que boa parte dos protagonistas están vivos. Puxo nas miñas mans este traballo como comisario da exposición e estou a preparar un libro sobre o tema. En decembro levarase a cabo unha homenaxe a Voces Ceibes, lembrando o seu recital no Cine Capitol. A exposición atópase actualmente en Vigo, e xa pasou por Santiago e Lugo. Este xoves comezamos as actividades, con mesas redondas e visitas guiadas.
Que queda daquel espírito 40 anos despois?
Penso que hai unha herencia material daquela resistencia, xa que boa parte dos que participaron asumiron un compromiso tanto na cultura como na intención de facer país, loitar pola nosa lingua dende a Universidade. Aquel xermolo deu lugar a propostas artísticas e culturais que hoxe están aí, como o caso de Pepe Cáccamo, políticas... Deixou un cuño de compromiso, de vangardas fronte á falta de liberdade.
Serían posíbeis hoxe unha mobilizacións como as do 68?
O contexto é diferente. Agora hai unha democracia, pero vemos que os mecanismos non son chamativos para a xente. A contestación universitaria está moi limitada, pero saber cales son as razóns levaría moitos estudos e postas en común. Naquel momento fora pola limitación e anulación do réxime, e o desexo de identidade e de perder o medo.
Como vai ser a programación conmemorativa que se vai desenvolver no Verbum?
Teremos dúas mesas redondas. Na primeira tentamos que se dean as claves de como aconteceu e se vertebrou o movemento estudantil, con xente que rematou a Universidade arredor do 68: Camino Noia, Xesús Sanxuás, Alberto Martín de Hijas e Fernando Martínez Randulfe. Eles viron o itinerario de cmo se foi creando aquel caldo de cultivo. Unha semana despois, o 18 de setembro, estarán noutra mesa redonda os que chegaron á USC no 68 e que viron o influxo que tivo nas súas vidas. Todos eles estiveron metidos no miolo da cuestión, algúns no ámbito nacionalista. E tamén teremos visitas escolares guiadas até o 28 de setembro, aproveitando que é posíbel no principio de curso.