O portavoz nacionalista no Congreso pídelle a Zapatero un esforzo en investimento social e en economía produtiva.
Na súa intervención no Pleno da Cámara, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, subliñou as dimensións da crise económica, que "vai máis alá dun cambio de ciclo", dixo, xa que "obedece a problemas estruturais do actual modelo". Para loitaren contra esta situación, Jorquera destacou a necesidade de non repetir fórmulas que xa fracasaron no pasado, en referencia á posibildade da contracción do gasto. Pola contra, os nacionalistas piden maior investimento social, en I+D+I e en infraestruturas, para que o gasto teña un efecto de reactivación da economía.
Doutra banda, Jorquera falou da necesidade de mellorar a produtividade da economía apostando pola creación de emprego estábel e de calidade. Neste eido, pediu que se de prioridade as políticas activas de emprego sobre as pasivas e que se loite contra a precarización laboral. En canto ao Plan de Recolocación mencionado por Zapatero, o BNG esixe que se dote dunha memoria económica, para que non quede en papel mollado, e que teña en conta aos diferentes axentes sociais para a súa elaboración.