Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
PABLO CIMADEVILA, NADADOR

“Galiza é un modelo a seguir no deporte paralímpico”

Pablo Cimadevila Álvarez é un experimentado nadador que chega a Beixín coa ilusión de acadar a súa terceira medalla noutros tantos Xogos Paralímpicos.

García Martínez - 12:30 10/09/2008
Cimadevila nunha imaxe de arquivo

Cimadevila nunha imaxe de arquivo

Este deseñador de xoias pontevedrés de 29 anos ten aínda moito que dicir na natación, e moitos lugares a onde ir representar a selección galega. Comeza a súa competición este xoves coa carreira dos 200m estilos.

Con Chano Rodríguez es o galego máis veterano nos Xogos. Que recordos tes das dúas citas anteriores?

Agora veño de ver en internet vídeos sobre a inauguración de Sidney. É unha competición moi distinta a Europeos ou Mundiais e, sendo eu nadador, tivo un valor especial porque este deporte ten moita importancia en Australia. Hai recordos moi fermosos entre os que, evidentemente, destaca a medalla de ouro. Atenas foi diferente, xa que cheguei como campión paralímpico, pero comecei a adestrar un ano antes da competición, porque non había axudas e adiqueime a estudar pensando no futuro. Non gocei tanto porque o meu obxectivo era demasiado esixente para o nivel que levaba.

No teu palmarés figura un ouro e un bronce, que acadaches en dúas citas diferentes. Cal é o teu obxectivo para Beixín?
En principio eu nado nos 200m. estilos e nos 100m braza. A primeira é a proba onde teño máis posibilidades de acadar unha medalla, xa que estou segundo da clasificación mundial, pero o ouro vai ser difícil, porque hai un nadador brasileiro que está bastante lonxe do resto.

Desde a túa longa experiencia como valoras tanto a evolución como a situación actual do deporte paralímpico?
Podemos apreciar grandes progresos a todos os niveis. Eu considero un gran avance a implantación do programa ADOP pero aínda queda moito por facer, como por exemplo no que se refire á cobertura mediática.

E como ves o movemento paralímpico en Galiza?
Considero Galiza un modelo a seguir. Nós temos as mesmas bolsas que podería ter David Cal e iso, ademais de facilitarnos a práctica deportiva, fainos sentir moi respectados.

Que papel cumpren na sociedade estes grandes eventos deportivos, como os Xogos Paralímpicos ou os Olímpicos?
Tanto os Xogos Olímpicos como os Paralímpicos teñen a súa importancia porque amosan o espírito de superación. Somos un reflexo da sociedade, que está formada por unhas persoas con discapacidade e outras sen elas. Eu non me esquezo do que me sorprendeu fai oito anos poder moverme por todo Sidney en transportes públicos, xa que nós estábamos a anos luz. Eu teño 29 anos e xa vin un cambio positivo, polo que son optimista e penso que remataremos conseguíndoo.

Que función cumpre o deporte dentro do teu día a día?
Pois supoño que o mesmo que a un deportista olímpico. Paso seis horas ao día na piscina porque son unha persoa competitiva á que lle gusta superarse e mellorar as súas marcas. Sei que algúns compañeiros ven o deporte como unha maneira de integrarse na sociedade, pero este non é o meu caso. O deporte é unha vía para expresar a parte máis competitiva que todos temos pero manifestamos de maneiras diferentes. O que me gusta é gañarlle ao rival e subir ao máis alto do podio.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: