O xurado do certame, organizado pola Entidade Local Morgadáns e o Instituto de Estudos Miñoranos, valorou a orixinalidade e a visión actual, perspicaz e reveladora do autor.
"Cultivos transxénicos" é o lema da obra que resultou gañadora na primeira edición do premio de poesía Victoriano Taibo. O seu autor é Carlos Negro, un lalinense que exerce como mestre de lingua e literatura galega no concello de Dodro e que é autor de varios poemarios xa publicados: "As laranxas de Ali Babá", "Far West" e "Héleris".
O xurado valorou "a orixinalidade coa que se aborda o ton elexíaco, mediante o emprego da ironía e a parodia, con densidade lírica e coidado formal". O texto poético artéllase mediante a fórmula de preguntas e respostas "que remendan unha entrevista xornalística ao tempo que parodian o "Catecismo do Labrego" de Lamas Carvajal". Séguelle unha "especie de pranto pola agonía e morte da sociedade tradicional rural e un exame dos síntomas tráxicos ou grotescos desa agonía".
Calidade das propostas
Os organizadores do certame, Entidade Local de Morgadáns e o Instituto de Estudos Miñoranos, subliñan a importante participación nesta primeira edición (foron 48 os orixinais recibidos, dos que foron escollidos nove finalistas), así como a elevada calidade das composicións. O xurado, composto por Araceli Gonda Alonso (xornalista), Marta Dacosta (profesora e poeta) e Gonzalo Navaza (profesor, escritor e poeta), ademais do director do Instituto de Estudos Miñoranos, Carlos Méixome, e o presidente da Entidade Local de Morgadáns, Urbano Esmerode, fixo unha mención especial de dous orixinais máis, os presentados baixo o lema de "Stratagemata" e "Imposturas".
O premio conta cunha dotación de tres mil euros, unha escultura conmemorativa e a edición da obra nunha colección de poesía do Instituto de Estudos Miñoranos que se denominará Colección Victoriano Taibo. Con este certame, os organizadores queren honrar a figura de Taibo, quen dende 1930 até 1950 foi mestre da escola de Morgadáns, un poeta recoñecido coa publicación de varias obras e membro da Academia Galega.