Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
MAXI RODRÍGUEZ, VELOCISTA

"A sociedade compréndenos cada vez máis"

Tratará de redimirse nos 200 metros lisos da rápida eliminación na proba dos 100. En Beixín comeza o que pode ser un longo idilio cos Xogos Paralímpicos.

Redacción - 12:55 09/09/2008
Maxi co seu clube, o San Fernando Lucus

Maxi co seu clube, o San Fernando Lucus

Vieiros: Con vinte anos es o máis novo dos deportistas galegos que estarán estes días en Beixín. Como chegas aos teus primeiros Xogos Paralímpicos?
Maxi Rodríguez: Con ganas de facelo o mellor posíbel, aínda que este ano tiven unha rotura muscular e estiven parado varios meses. Eu con estar aquí e poder competir xa estou satisfeito, pero está claro que se me clasifico para unha final ou consigo apañar algunha medalla moito mellor.

A pesar da túa idade xa contas cunha certa experiencia internacional. Que opinión tes do movemento paralímpico internacional?

Cada vez valórasenos moito máis, así que considero bastante positivas as cousas que está a facer o comité paralímpico. Cada vez temos máis apoios.

E se trasladamos esta análise a Galiza, cales serían as conclusións?

Sempre se pode mellorar, pero eu estou satisfeito coas cousas que nos deron nestes dous últimos anos.

Fóra do deporte, como ves a integración das persoas con minusvalías dentro da sociedade?

A sociedade compréndenos cada vez mais, aínda que non é así con toda a xente. Como xa dixen antes, sempre hai cousas que se poden mellorar pero coido que, en xeral, as cousas estanse facendo bastante ben.

Que papel cumpre o deporte na vida dun mozo de vinte anos coma ti?

Desde que comecei en atletismo hai tres anos gústame cada vez máis. Este ano deixei un pouco os estudos, porque o tema da lesión afectoume bastante a nivel psicolóxico, así que me centrei en preparar os Xogos Paralímpicos, que en este momento era o meu obxectivo principal.

No tempo que levas en Beixín apreciaches ese carácter particular que teñen tanto os Xogos Paralímpicos como os Olímpicos?
Non ten nada que ver cun campinato do Mundo, ou de Europa. Estás cos outros atletas e coñeces a moita xente, en definitiva é outro tipo de vida.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: