Os científicos descubriron que un xene que protexe da infección practicamente non existe nas áreas que formaron parte do Imperio Romano máis tempo.
Unha investigación da Universidade da Provenza, publicada pola revista New Scientist, asegura que os pobos que formaron parte do Imperio Romano son máis vulnerábeis a contraer o VIH, virus que pode provocar a sida.
Segundo os investigadores provenzais, nos territorios que dependeron de Roma hai case dous milenios, é menos habitual unha variante xenética que protexe contra o virus. Esa zona inclúe a área mediterránea e mais Inglaterra. O equipo da universidade atopou unha relación entre a frecuencia da variante e os límites do imperio.
Ademais, as zonas que estiveron máis tempo baixo goberno romano, como Italia, Grecia ou o actual Estado Español, contan só con entre o 0 e o 6 por cento de frecuencia do xene CCR5-delta32, que protexe parcialmente fronte ao VIH.
En territorios nos bordos do imperio, como Alemaña ou Inglaterra, a taxa anda entre o 8 e o 11,8%, mentres que en países que nunca foron romanizados, a prevalencia é máis alta.
Segundo estes investigadores, a diferenza xenética non se debe á descendencia que tiveron os soldados romanos coa poboación local, senón máis ben a algún tipo de infección introducida por eles á que a xente co xene era especialmente sensíbel.
Porén, non todos están de acordo. Científicos da Universidade de Liverpool concédenlle este papel á Peste Negra, que provocou numerosas mortes en Europa durante e despois da invasión romana. Suponse que a xente con esa variante xenética que a fai máis sensíbel ao VIH facíaa, pola contra, máis resistente á peste.